Programadas en Pontevedra seis destacadas obras nunha nova edición de PonTeatro

Pontevedra
19 de xaneiro 2024

Ponteatro trae a Pontevedra seis destacadas obras: 'Iribarne', 'Unha inimiga do pobo', 'As Alumnas', 'O auto do Castromil', 'Helen Keller, a muller marabilla?' e 'Brokeback Sabucedo (paixón entre bestas)'

Programación de Ponteatro 2024
Programación de Ponteatro 2024

Ponteatro trae a Pontevedra seis destacadas obras: 'Iribarne', 'Unha inimiga do pobo', 'As Alumnas', 'O auto do Castromil', 'Helen Keller, a muller marabilla?' e 'Brokeback Sabucedo (paixón entre bestas)'.

Comezou a venda anticipada de entradas para asistir as representacións de Ponteatro cun prezo por función 8 euros (máis gastos) e rebaixado á metade para estudantes, persoas paradas e xubiladas. Os abonos pódense adquirir por 30 euros (máis gastos). 

O xoves 8 febreiro, ás 20.00 horas, no Pazo da Cultura representarase 'Iribarne'. Butaca Cero fai unha investigación escénica sobre Manuel Fraga, unha desas figuras absolutamente imprescindibles do noso pasado recente. Un intento (irreverente) por comprender como chegamos até aquí da man dun político que, nas súas propias palabras, dicía as verdades sen condón. 

A obra ten un texto orixinal de Esther F. Carrodeguas está dirixida por Xabier Castiñeira e interpretada por: Mónica García, Xurxo Cortázar, Anxo Outumuro, Lidia Veiga, Jorge de Arcos e Esther F. Carrodeguas. 

Para o xoves 22 febreiro, ás 21.00 horas, no Teatro Principal está programada a obra: 'Unha inimiga do pobo' de Talía Teatro. A compañía porá en escea a historia de Helena, unha prestixiosa doutora que regresa á vila natal para comezar de novo. Embarazada de sete meses, afronta o seu estado coa ilusión posta nun novo proxecto profesional: o balneario que ela mesma deseñou e que se presenta como un alternativa turística sostible e saudable para a súa vila. A inesperada contaminación das augas da zona e a súa loita por preservar a saúde da poboación fronte aos intereses económicos van colocala no punto de mira da veciñanza, que ve como se pon en risco a prosperidade da comunidade. 

O texto da obra foi escrito por Henrik Ibsen. Tito Asorey dirixe a un elenco integrado por: Marta Lado Dani Trillo, María Ordóñez, Toño Casais, Rubén Prieto, Marta Ríos, Diego Rey, Xurxo Barcala e Artur Trillo. 

O martes 27 de febreiro, ás 21.00 horas, no Teatro Principal poderase ver 'As Alumnas' de Culturactiva. A educación, peza fundamental no desenvolvemento e na liberdade das persoas -especialmente das mulleres- centra esta obra. As dúas personaxes representan casos concretos de mulleres na época anterior e posterior á Guerra Civil, así como as transformacións sociais do momento. A peza achégase á figura da pedagoga galega María Barbeito, e visibiliza como o franquismo significou un enorme retroceso na educación do Estado. 

Paula Carballeira escribiu esta obra que foi Premio Nacional de Literatura Dramática 2023, Premio Follas Novas 2023 á mellor obra de teatro e Premio Luisa Villalta a proxectos pola igualdade. Dirixe a obra Fina Calleja e a interpretan: Anabell Gago e Mónica Camaño. 

Xa o xoves 21 de marzo, ás 21.00 horas, no Teatro Principal chega 'O auto de Castromil' de  Producións Teatrais Excéntricas. Trátase dunha viaxe onírica abordo dun coche de liña. Os viaxeiros dormen e talvez o conductor. As maletas e demais bagaxes amotínanse, cobran vida e repasan unha curiosa historia de Galiza, na que aparece un pobo que loita, é derrotado, volve levantar a cabeza e rebélase de novo. O auto de Castromil é unha viaxe chea de humor e espíritu antroidesco en transporte público pola Galiza inconsciente. 

Está feita con anacos das obras de Manuel María: "A rebelión dos baús", "O Auto dos semulados da Caravilla", "Unha vez foi o trebón", "Abril de Lume e Ferro" e o "Entremés da OTAN". 

A dirección e dramaturxia correu por conta de Quico Cadaval. O elenco esta formado por: Rocío González, Víctor Mosqueira, Marcos Orsi e Patricia Vázquez. 

O xoves 11 de abril, ás 21.00 horas, no Teatro Principal está anunciada a representación de  'Helen keller, a muller marabilla?', do Grupo Chévere. A sinopse da obra conta unha historia que comeza ao descubrir unha muller, totalmente descoñecida para o grupo, chamada Helen Keller, que se convirte nunha celebridade ao ser a primeira persoa xordocega en obter un título universitario (1904). Pero ao investigar vanse descubrindo outras facetas desconcertantes da súa figura que son sistematicamente ocultadas. E o máis sorpredente, nos últimos anos espállase polas redes sociais unha campaña que afirma que Helen Keller é un fake, incluíndo unha petición para eliminala da historia... 

A idea orixinal da obra é de Chusa Pérez. A dirección e dramaturxia é de Xron, e os encargados de darlle vida son os actores: Ángela Ibáñez, Patricia de Lorenzo e Chusa Pérez. 

Por último, o xoves 18 de abril, ás 21.00 horas, no Teatro Principal pecha o ciclo de Ponteatro a obra 'Brokeback Sabucedo (paixón entre bestas)' de Sal do Teatro. Trátase dun canto á diversidade, unha homenaxe a tradición galega e unha crítica á enerxía eólica, escrita por Santiago Telmo e Carlos Losada; dirixidad por Rocío Romero e interpretada por Borja Salgado e Santiago Telmo.