Con motivo da celebración do corenta aniversario dos Trazantes de Tenorio, o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, xunto co deputado de Cultura, Jorge Cubela, recibiron este venres no Pazo Provincial ás integrantes da directiva da asociación.
O mandatario provincial sinalou que durante os seus anos de historia estiveron "coidando das tradicións" polo que "na Deputación estamos orgullosos por poder celebrar este aniversario".
Con motivo desta efeméride a asociación organizará a vindeira fin de semana a décimo terceira edición da Mostra Trazante. O evento terá lugar os días 13 e 14 no adro de Tenorio e contará cunha programación especial polo corenta aniversario con actuacións de grupos tradicionais galegos.
Co programa +Música, a Deputación colabora na organización do festival levando ata a parroquia ao grupo Treixadura o sábado pola tarde.
Pola súa banda, a portavoz da entidade, Carmen Seijo, confesou que "somos unha asociación que traballa a prol da nosa cultura e somos unha gran familia" e sinalou que as portas da asociación están abertas para todas aquelas persoas interesadas en coidar e desfrutar do folclore, das tradicións e da música popular.