O programa 'Rosalía, a súa casiña, o meu lar' levará a 40 centros escolares de visitas á Casa-Museo da poeta

Pontevedra
13 de xaneiro 2025

A visita, guiada polo persoal do Departamento de Educación da Casa-Museo, estará apoiada no material didáctico enviado previamente a cada centro e adaptado a cada etapa (Primaria, ESO e Bacharelato)

A escritora Rosalía de Castro
A escritora Rosalía de Castro / Xunta de Galicia

A Deputación de Pontevedra abre este martes 14 de xaneiro o prazo para que ata 40 centros educativos da provincia poidan participar no programa 'Rosalía, a súa casiña, o meu lar', impulsado pola institución provincial en colaboración coa Fundación Rosalía de Castro.

Trátase dunha iniciativa para que o alumnado da provincia coñeza a riqueza cultural da colección da Casa-Museo de Rosalía en Padrón e o intenso labor que desenvolve e se achegue á figura e legado da autora.

Deste xeito, a Deputación destina a esta iniciativa 32.500 euros e farase cargo dos custes da entrada e do transporte do alumnado dende os centros de ensino da provincia ata a Casa de Rosalía en Padrón.

A visita, guiada polo persoal do Departamento de Educación da Casa-Museo, estará apoiada no material didáctico enviado previamente a cada centro educativo e adaptado a cada etapa (Primaria, ESO e Bacharelato).

No seu percorrido, o alumnado coñecerá os acontecementos que marcaron a vida e a obra de Rosalía. Así, na planta baixa, denominada "O perfil dunha sombra", os escolares poderán apreciar a dimensión desta emblemática figura da cultura galega e universal: a súa vida, a contorna que a rodeou e a relación do pobo galego coa figura da escritora, mentres que na primeira planta, denominada "O seu", vivirán unha recreación da casa rural da época, entre labrega e fidalga.

Ademais, durante o transcurso da visita, realizarase unha proxección audiovisual sobre a figura de Rosalía, que rematará coa entrega ao centro de varios volumes literarios da autora.

Os centros educativos interesados en beneficiarse de "Rosalía, a súa casiña, o meu lar" deberán, en primeiro lugar, concertar as vistas co departamento de Educación da Casa-Museo a través do correo [email protected] ou do teléfono 981 811 204. Unha vez acordada a cita, terán que presentar a súa solicitude a través da Sede Electrónica da Deputación a partir deste martes, 14 de xaneiro, en un prazo máximo dun mes.