Programa dobre dos Feroz: debate con directoras e produtoras e proxección de 'Lucía y el sexo'

Pontevedra
04 de novembro 2024
Actualizado: 10:00

A mesa de debate será ás 12.00 horas e participará a directora Sonia Méndez e as produtoras Chelo Loureiro e Sara Horta. A proxección comezará ás 18.30 horas e o coloquio posterior correrá a cargo de Paula Serna. As dúas propostas serán na Facultade de Comunicación

Lucía y el sexo
Lucía y el sexo / Canal+ España

A programación previa á celebración da gala dos Premios Feroz continúa a súa andaina este novembro en Pontevedra. Nesta ocasión, o debate sobre da perspectiva de xénero no cinema centrará a maior parte das propostas culturais. Este mércores, 6 de novembro o programa Feroz é dobre, pola mañá haberá unha mesa de debate, e pola tarde proxección de cinema.

A partir das 12.00 horas a Facultade de Comunicación acollerá unha mesa de debate organizada en colaboración coa Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI) na que estarán presentes Sonia Méndez (directora de As Neves e socia de Cósmica), Chelo Loureiro (de Abano Producións) e Sara Horta (produtora en Indígena Films).

Elas abordarán a visión das directoras e produtoras no escenario baixo o título "Mulleres que contan". A moderadora será Uxía Caride, xerente de AGAPI. A entrada é de balde.

Pola tarde, Feroz retoma as proxeccións de cinema achegando ao público clásicos modernos do cine español dentro dun ciclo especial con perspectiva feminista.

A proxección prevista para o mércores será 'Lucía y el sexo' (Julio Medem, 2001) que comezará ás 18.30 horas na facultade de Comunicación. Ao seu remate, Paula Serna do Observatorio da Diversidade en Medios Audiovisuais (ODA) abordará a presenza feminina na película.

Ao igual que no mes de outubro, a entrada ás proxeccións é de balde pero hai que retiralas na Oficina de Turismo da cidade, situada na praza de España. Pódense coller sete días antes de cada proxección até máximo de 4 localidades por persoa. Aqueles convites que non se entreguen repartiranse cinco minutos antes do inicio da proxección na facultade de Comunicación.