A Vicerreitoría do campus de Pontevedra da Universidade de Vigo impulsa neste mes de maio unha serie de actividades que afondarán na obra e figura da escritora homenaxeada neste 2021 no Día das Letras Galegas, Xela Arias.
"Adaptámonos ás circunstancias, pero sen deixar de dar ese merecido alento á figura de Xela Arias e á cultura en xeral", indica a directora da Área de Dinamización Cultural, Educativa e Integración do campus, Eulalia Agrelo, en declaracións a Eduardo Muñiz recollidas no Diario da Universidade de Vigo (DUVI). A situación sanitaria obriga a limitar a asistencia presencial, polo que todo o programa poderá seguirse de xeito virtual a través de Campus Remoto de la UVigo.
O primeiro destes actos será a presentación do libro Nenas medrandopor parte da súa autora, a profesora da Facultade de Belas Artes Silvia García, e do editor de Chan da Pólvora, Antón Lopo. Terá lugar este venres 7 de maio ás 19:00 horas na sede da Vicerreitoría na Casa das Campás. Trátase dun poemario no que se reflicten as transformacións na infancia e no que os textos se acompañan de diferentes fotografías. Esta serie de imaxes anónimas, de diferentes países e épocas, reuniranse na Vicerreitoría nunha exposición que, tras o acto deste venres, poderá visitarse ata o 28 de maio en horario de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas.
A semana seguinte, o xoves 13 ás 19:00 horas no mesmo escenario da Casa das Campás terá lugar a presentación do libro-disco Saudades de alborada, do que é editor o musicólogo Javier Jurado e que se centra na figura do compositor Reveriano Soutullo. Xunto a Jurado, esta presentación contará tamén coa participación da soprano Loli Crespo e o pianista Alejo Amoedo.
XELA ARIAS NA UNIVERSIDADE
A programación adicada á figura de Xela Arias arrincará o mércores 19 de maio na sede da Vicerreitoría ás 19:00 horas. Neste acto, María Jesús Nogueira, escritora e profesora da Universidade de Santiago de Compostela especialista na autora homenaxeada, ofrecerá un relatorio centrado na vida e na creación artística de Xela Arias. Así mesmo, presentarase o número extraordinario que a revista Tempos Novos dedicado á poeta, da man da súa coordinadora, a profesora da Universidade de Vigo Rexina Vega, o director da revista Luís Álvarez Pousa, e a catedrática emérita Camiño Noia. Xunto ás súas intervencións, o acto completarase coa interpretación musical de varias pezas nacidas de poemas da autora por parte de Clara Pino e Pablo Vidal.
O xoves 27 de maio, na Casa das Campás ás 19:00, a figura da escritora será abordada desde o audiovisual grazas á proxección do documental Xela Arias, poeta nas marxes e o posterior debate coa súa directora, produtora e guionista Beatriz Pereira e o tamén guionista Daniel Chapela. Este acto servirá tamén para facer entrega dos premios do concurso Múltiples olladas ao redor das Letras Galegas: Xela Arias 2021, no que a Vicerreitoría convidou ao estudantado a realizar unha relectura e reinterpretación da obra poética de Arias.
Xa no mes de xuño, está previsto que esta programación se complete coa exposición Xela Arias. A poesía do retrato, que reúne as fotografías que Xulio Gil realizou da escritora homenaxeada.