A profesora de Belas Artes Almudena Fernández Fariña, Premio da Crítica de Galicia

Pontevedra
21 de outubro 2024

"É unha motivación para seguir no camiño que vas desenvolvendo", sinalou a artista ao recoller o galardón nun acto no que se fixo público o nome dos seleccionados nas dez categorías destes premios

Almudena Fernández Fariña
Almudena Fernández Fariña / CGAC

A profesora da Facultade de Belas Artes Almudena Fernández Fariña vén de ser recoñecida co Premio da Crítica de Galicia na modalidade de artes plásticas.

"É unha motivación para seguir no camiño que vas desenvolvendo", sinalou a artista tras recoller o galardón nun acto celebrado este sábado en Vigo, no que se fixo público o nome das persoas e proxectos seleccionados nas dez categorías destes premios.

A tamén directora do Departamento de Pintura da Universidade de Vigo foi seleccionada finalista xunto a Menchu Lamas e Bea Lema.

Fernández Fariña foi seleccionada por unanimidade por un xurado integrado pola galerista Nuria Blanco; o decano de Belas Artes, Xosé Manuel Buxán; o ilustrador e editor Kiko da Silva; a profesora e fotógrafa Alba Diz; o director do Marco de Vigo, Miguel Fernández Cid; e o crítico Ramón Rozas.

No seu fallo, este xurado puña en valor a exposición retrospectiva que protagonizou o pasado ano no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), 'Pisando charcos'.

Doutora en Belas Artes e egresada da primeira promoción da facultade pontevedresa, da que é docente desde o ano 2000, a obra de Fernández Fariña forma parte das coleccións e institucións como o Museo de Arte Contemporáneo de Madrid, o Museo de Pontevedra, o Consello de Contas de Galicia, a Fundación Caja Madrid, a Deputación da Coruña ou CGAC.

O seu traballo artístico foi recoñecido tamén con diferentes premios e bolsas, como o Premio de Pintura L´Oréal, no ano 2000, o a bolsa da Fundación Pollock-Krasner, en 2001.

Mentres, o seu labor investigador mereceu distincións como o Premio Extraordinario de Doutoramento da Universidade de Vigo e o Premio Provincial á Xuventude da Deputación de Pontevedra na categoría de investigación, acadados ambos no ano 2009.