O Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra pechou a súa primeira fin de semana, na que, ademais do espectáculo inaugural, ‘Luces, cámara, acción, ... que vén o Salón’, feito en exclusiva para este evento, a rapazada puido gozar de máis estreas e actuacións en primicia.
E todo para quentar motores antes de que a programación do Salón continúe durante toda a semana. Pola mañá, haberá actividades concertadas con centros escolares colaboradores e pola tarde, accións pensadas para público infantil e familiar.
Durante a fin de semana, os máis pequenos puideron ver, por primeira vez, ‘Contos... entre cordas’ de María da Pontaghra e Bleuen Le Friec, ‘Voilà le cinéma’ de Lucoíña Pasea e da premiere de ‘A historia de Lumecú’ de Percubebés, destinado a cativada de 0-3 anos.
Pero non só o público infantil foi protagonista da fin de semana. O sábado, a cativada puido gozar de melodías e danzas bretoas no obradoiro ‘Oh la dilan dilo’ no recinto do Salón e o público adulto puido gozar tamén dun pase no mercado municipal. O éxito foi tal que esgotou as prazas.
O cinema, tema elixido para a edición deste ano, estivo moi presente en todas as actividades. O domingo, deixou actividades como ‘Verne 4.0’ de Sofía Venzel e Michel Casado ou os obradoiros creativos impartidos por Alouette Machine, ‘O Principiño’ ou ‘Jules Verne’ que estiveron ao longo de todo o día coa súa imprenta móbil con ‘Ex libres, afiches et livres’.
Dentro do ciclo de cinema no Principal programado da man do cineclube, a rapazada puido gozar con O malvado raposo feroz. Le Grand Mérchat Renard et autres contes.
Tamén en primicia, as amigas de Leucoíña Pasea, presentaron ‘Voilà le cinéma’ mesturando contos e cantigas de película.
Durante toda a fin de semana regresaron ao Salón os exitosos obradoiros de cociña da man de Reviravolta, que prepararon nas xornadas de sábado e domingo receitas francesas, por ser Francia o país convidado deste 2025.
A fin de semana rematou co espectáculo de maxia, ‘A maxia do cinema’ dos magos Paco, Teto, El barón, Nacho Samena. Levaron a cabo diferentes números de ilusionismo que encarnaron os xéneros cinematográficos, do cinema clásico ás películas de acción, pasando pola fantasía e a ciencia ficción.