Primeiros pasos do Salón do Libro 2024, con cita para Orbil no salón de peiteado e homenaxe aos centros escolares

Pontevedra
28 de setembro 2023

O Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra celebrará entre o 1 e o 17 de marzo o seu 25 aniversario, terá como tema central 'A maxia' e Cataluña será a cultura convidada para "traballar a idea de que falando cada un de nós en linguas diferentes, somos quen de entendernos"

Demetrio Gómez e Orbil
Demetrio Gómez e Orbil / Mónica Patxot

O Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra chegará o vindeiro ano 2024 á súa 25 edición e toda a maquinaria comezou xa a funcionar para que sexa unha cita tan especial como merece a ocasión. A organización leva a traballar todo o verán e este xoves desveláronse os primeiros detalles da cita, prevista entre o 1 e o 17 de marzo

O concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez, e a mascota do Salón, o lobo Orbil, presentaron a cita e avanzaron que, de aquí a marzo, Orbil experimentará unha transformación, pois terá cita no salón de peiteado, pode que cambie de cor e vai arranxar as gadoupas, de tal maneira que, para a nova edición, chegará "algo cambiado, rexuvenecido".

Con este 25 aniversario, o Salón pontevedrés consolídase, segundo o concelleiro de Cultura, como referente neste tipo de citas culturais, pois non hai ningunha actividade cultural destas características que leve celebrándose tantos anos. Había unha cita similar en Cataluña que non superou a pandemia. 

Esta nova edición do salón terá como tema central 'A maxia' e Demetrio Gómez confesou que Orbil é moi afeccionado á maxia. Quixo demostralo facendo un truco ante os medios de comunicación con motivo da súa comparecencia.

Esta 25 edición será moi especial e a organización quixo render homenaxea aos centros escolares de Pontevedra e da súa contorna, que levan participando no Salón nos seus 25 anos.

Os centros educativos son a única entidade que participou en todas as edicións do salón e queren renderlle homenaxe "a todos eses miles de nenos e nenas, centos de profesores e profesoras" que o fixeron posible.

A organización do Salón viviu este mércores 27 de setembro un día importante, unha reunión do Concello de Pontevedra cos centros de ensino, "os auténticos protagonistas deste Salón". No encontro anunciouse que haberá esta homenaxe e, segundo Demetrio Gómez, "non sei se pode dicir que están máis emocionados ca nós, pero é unha idea que lles gusta". 

En 2024, Cataluña será a cultura convidada do Salón. Demetrio Gómez explicou que a elixiron pola súa proximidade geográfica a Galicia e para "traballar a idea de que as linguas son para comprendernos e que, falando cada un de nós en linguas diferentes, somos quen de entendernos, comprendernos e descubrir a beleza que hai na literatura".