Primeiro concerto das Festas da Peregrina 2013: Auryn actuará en Pontevedra o 17 de agosto

Pontevedra
01 de maio 2013

Tal e como confirman na súa páxina web, Auryn actuará na Praza de España o sábado 17 de agosto. Será o seu primeiro concerto en Pontevedra, cidade na que recalarán no marco unha ampla xira de máis de trinta concertos por todo o país para presentar Antihéroes (Warner Music, 2013), o seu segundo álbum de estudo, co que en apenas un mes lograron situarse entre os discos máis vendidos

Auryn, un dos grupos xuvenís de maior éxito do panorama musical español
Auryn, un dos grupos xuvenís de maior éxito do panorama musical español

Foi o grupo revelación do ano. 40 semanas na lista dos discos máis vendidos co seu álbum debut, máis de cinco millóns de reproducións en YouTube, entradas esgotadas en prácticamente todos os seus concertos e numerosos premios. Estamos falando de Auryn, unha 'boy-band' que arrasa entre os adolescentes españois. E verémolos en Pontevedra. Son o primeiro grupo confirmado para os concertos das Festas da Peregrina.

Tal e como confirman na súa páxina web, Auryn actuará na Praza de España o sábado 17 de agosto. Será o seu primeiro concerto en Pontevedra, cidade na que recalarán no marco unha ampla xira de máis de trinta concertos por todo o país para presentar Antihéroes (Warner Music, 2013), o seu segundo álbum de estudo, co que en apenas un mes lograron situarse entre os discos máis vendidos.

Auryn, cuxos compoñentes uníronse en 2009 logo de participar por separado en varios programas de televisión, está vivindo un momento imparable. Todos eles teñen entre 21 e 25 anos. Desde que en 2011 estiveron a piques de representar a España en Eurovisión, este quinteto musical formado por Carlos, Blas, Dani, Álvaro e David, non pararon de colleitar éxitos, especialmente tras autoeditar o seu primeiro disco, Endless Road, 7058.

Agora, co seu segundo álbum Antihéroes, repiten a fórmula de incluír cancións en inglés e en castelán, e para as que contaron con compositores como Wayne Hector (autor de cancións para Cheryl Cole, The Wanted, One Direction ou Nicky Minaj), Xabi San Martín (La Oreja de Van Gogh), Vanesa Martín, Georgina, Merche ou Vega. Ademais, participan nos labores de composición e inclúen cinco temas seus no disco.

Considerados como un dos máximos exponentes do 'fenómeno fan' no noso país, Auryn actuará tamén na Praza de María Pita (A Coruña) o 8 de agosto. O de Pontevedra, en plena Semana Grande das festas, o sábado día 17, será gratuito e comezará, como é habitual nas Festas da Peregrina, ás 22.30 horas.

Arquivado en