Primal Scream, The Jesus & Mary Chain e Slowdive, á fronte dun Atlantic Fest que aposta por ser "diferente"

O Salnés
20 de marzo 2025

Todas elas marcarán un Atlantic Fest 2025 que busca ser "un encontro entre persoas que aman a música e valoran a autenticidade". O festival celebrarase os días 18, 19 e 20 de xullo

Bobby Gillespie, líder de Primal Scream
Bobby Gillespie, líder de Primal Scream / Atlantic Fest

Atlantic Fest volve a Vilagarcía. Será os días 18, 19 e 20 de xullo na praia da Concha, segundo confirmaron este xoves os seus organizadores, que quixeron apostar por ser "diferentes" e que o festival non fora "a mesma fórmula repetida cambiando uns cantos ingredientes".

Con ese espírito de traer "algo moi especial", o festival contará como cabezas de cartel a dúas bandas que son "historia viva" do rock, Primal Scream e The Jesus & Mary Chain.

A estas dúas bandas escocesas sumaranse un terceiro referente do rock alternativo británico, Slowdive, que dará no festival pontevedrés o seu único concerto en España.

Todas elas marcarán un Atlantic Fest 2025 que busca ser "un encontro entre persoas que aman a música e valoran a autenticidade".

"Atlantic Fest non é só música, é unha experiencia real e feita co corazón. Sen artificios nin fórmulas en serie", defenden os seus responsables, que tamén quixeron contar con propostas do 'indie nacional' para dar forma ao seu cartel deste ano.

Así, como "parte da nosa esencia", segundo o festival, subirán ao escenario artistas como Zahara, Xoel López, León Benavente, La Bien Querida e Quique González.

A "frescura" que achegan pablopablo, Cristalino, Luz Futuro ou a banda arxentina de rock Bestia Bebé serán a "esencia alternativa" ao cartel desta edición do Atlantic Fest

Haberá novas confirmacións nas próximas semanas.

As entradas para o festival poranse á venda o luns 24 de marzo ás 9:00 horas a través da páxina web www.atlanticfest.com.

Terán un prezo de 55 euros máis gastos de xestión só durante as primeiras 24 horas. Os menores de 12 anos entrarán gratis.