Preto dunha vintena de candidatas optan aos premios "Mulleres no Foco"

Pontevedra
18 de outubro 2023

A Deputación entrega este venres no Auditorio da sede de Afundación de Pontevedra estes tres galardóns para recoñecer ás mulleres do audiovisual

Gala Mulleres no foco 2022
Gala Mulleres no foco 2022 / Deputación de Pontevedra

O auditorio de Afundación en Pontevedra acollerá este venres 20 de outubro a gala da terceira edición dos premios "Mulleres no Foco", que a Deputación de Pontevedra promove en colaboración coa Asociación de Mulleres Cineastas e de Medios Audiovisuais para poñer en valor o traballo das profesionais galegas do audiovisual. 

O evento comezará ás 20:00 horas, estará presentado polas actrices Chelo do Rejo, María Ángeles Iglesias e Anabell Gago e contará coa actuación de Fillas de Cassandra, así como de María Move e Sue Moreno. 

O acto é aberto ao público, que debe confirmar a súa asistencia no enderezo electrónico [email protected], e a apertura de portas do recinto terá lugar ás 19:30 horas.

As preto de vinte candidaturas que neste ano se presentaron aos "Mulleres no Foco" proveñen dos distintos ámbitos do audiovisual, entre elas a fotografía, dirección ou produción, e as tres gañadoras recibirán un premio de 5.000 euros cada unha

Estas candidaturas foron propostas por entidades locais, culturais e profesionais do sector e as bases dos galardóns establecen que se recoñecerán perfís con perspectiva de xénero, activistas polo recoñecemento da muller no sector, impulsoras do emprego feminino no audiovisual galego, así como mulleres cun talento ou unha importante traxectoria neste ámbito. 

Na gala do 2022 foron premiadas Chelo Loureiro, Paula Cons e Lucía Catoira, mentres que na primeira edición do 2021 os galardóns recaeron en Margarita Ledo, Sonia Méndez Alonso e Noemí Chantada.