Preto de 29.600 visitantes. ÿ o balance que realizan dende o Pazo da Cultura do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra. A iniciativa, que pechou as súas portas este sábado logo de tres semanas de actividades, consolídase ano tras ano e nesta 15 edición viu incrementada a asistencia nun 17%.
Segundo os datos da organización, na edición de 2013 o Salón contou con 25.000 asistentes e este 2014 a súa proposta 'Cociñando Contos' e unha programación de 150 actividades atraeu a preto de 5.000 persoas máis.
A concelleira de Cultura, Anxos Riveiro destaca que tamén medra o territorio ao que alcanzan as propostas do Salón, pois houbo visitantes chegados dende Ferrol, Chantada, Mazaricos, Carballiño, Ourense, Santiago, Vigo, O Salnés, A Pobra do Caramiñal ou Cervo, ben con visitas particulares ou concertadas con centros escolares.
"Estamos abraiados e moi ilusionados co lonxe que chegamos. Visitas dende toda a comunidade e mesmo familias que pasaron algunha noite en Pontevedra para aproveitar as actividades da fin de semana", sinalou a concelleira.
Un total de 4.000 alumnos de 36 centros de educación Infantil, Primaria e Secundaria participaron como colaboradores nesta edición do Salón do Libro, realizando durante meses os traballos que se expuxeron no Pazo.
Anxos Riveiro cualifica esta edición como "excepcional, chea de emocións, sorpresas e participación"
A implicación foi máis elevada que en anteriores e tamén medraron os escolares alleos aos colaboradores que participaron nas distintas actividades. Este ano superaron os 5.000 os que asistiron aos espectáculos, visitas guiadas e roteiros pola cidade.
A programación inicial do Salón prevía 135 actividades, pero convertéronse en 150 pola alta demanda e afluencia de público. Actividades que este ano, como novidade, se iniciaron antes da inauguración do Salón para ir abrindo boca e se espallaron por diferentes lugares da cidade.
Anxos Riveiro califica esta edición como "excepcional, chea de emocións, sorpresas e participación" e sinala que o Salón do Libro é un proxecto cultural único e de referencia en Galicia. Engade que o nivel de resposta do público afianza ao Concello na idea de que os proxectos culturais coma este son unha inversión "fundamental".