Preto de 13.000 personas achegáronse entre o venres e o domingo ata o recinto feiral e o Pazo da Cultura de Pontevedra para participar nunha nova edición da Feira das Culturas Galegas, Culturgal.
Segundo os datos facilitados pola organización, foron 12.700 persoas, unha cifra que, para o director de Culturgal, Camilo Franco, supón unha resposta "moi positiva" do público.
Camilo Franco sinalou, a modo de balance, que Culturgal buscou nesta edición 2024 "poñer en contacto as diferentes culturas de Galicia e ampliar os horizontes, ó tempo que se atraía a novos públicos".
Nesta cita, polo tanto, a literatura non foi a principal protagonista, senón que foi unha atención compartida coa cultura dixital, a arte, a música, a ilustración, o teatro ou o cine.
Así, na última xornada, este domingo, unha das citas con maior asistencia de público foi a presentación para o público familiarda presentación de Bibopalula, unha producción de Undodez e Televisión de Galicia.
Tamén resultou multitudinaria este domingo segunda convocatoria de 'A Nena e o Grilo Camiño das Cores', á que asistiron 400 persoas.
Grande éxito de público tiveron tamén outros espectáculos do escenario infantil como 'Quero Cantar' e 'O rap sen Apps'.
No eido literario, unha das citas máis agardadas e con maior presenza de público da última xornada de Culturgal foi a presentación da última novela de Manuel Rivas, recentemente nomeado premio Nacional das Letras, Tras o Ceo.
Da man da xornalista Susana Pedreira, presentou este novo proxecto narrativo arredor da caza do home polo home e a depredación social e natural.
Susana Pedreira destacou que se trata dunha novela feminista en tanto está chea de "porcos machistas" e Rivas explicou que escribir sobre a violencia contra as mulleres supuxo un "desafío", pero considera que "escribir é unha operación de limpar o medo; cando escribes, non podes ser cobarde".
Dado que "parte do sistema de poder machsita ten que ver coa frivolización da violencia, que se convirte en espectáculo", quixo afrontar ese "desafío" e contar episodios duros de violencia e sangue "e que non se vexa como con ketchup".
Especialmene animado e multitudinarioa foi tamén a cita na que o coreógrafo e percusionista vigués Artur Puga reuniu ducias de persoas nunha convocatoria aberta de baile popular con gaiteiros e pandeireiteiras, ‘Vén e baila’. Esta foliada aberta logrou que todo o mundo bailara no recinto.
Xa pola tarde, a xornada rematou cunha gran pandereitada de Pandereteiras Bouba, promovida pola Real Academia Galega en homenaxe á designación das pandereiteiras para as Letras Galegas 2025, logo dunha conversa entre a Asociación Somos Pandeireteiras, Mercedes Peón e Ana Romaní, entre outras.