O Concello de Pontevedra acaba de presentar a primeira edición do festival Brinca na Praza, que inundará de rock en galego a Praza do Teucro os próximos 30 e 31 de agosto. Segundo anunciou a concelleira de Fiestas, Carme Da Silva, están programadas as actuación de tres dos grupos máis importantes do panorama musical galego: Foxy Freire, Güintervan e Zënzar.
"Nace con vocación de continuidade ", apuntou a concelleira sobre este festival "que esa imprescindible na programación das festas de verán, tendo en conta a excepcional calidade da música galega, particularmente nas Rías Baixas".
A primeira das citas será o venres 30 de agosto ás 22.00 horas co grupo Zënzar, que cumpre 25 anos enriba dos escenarios galegos coa súa inconfundible proposta de punk rock con certos toques tradicionais.
Este quinteto, procedente de Meirama (Cerceda), encóntrase inmerso nunha xira especial aniversario e con tal motivo acudirá a Pontevedra acompañada doutros músicos amigos como Xenderal, Bolboreta, X M Ares, David Bolaño e Arón Ulloa.
O sábado 31 de agosto a sesión será dobre. Por un lado, Güintervan. ÿ unha das bandas de folk máis bailables e festeiras da música galega. E a continuación, Foxy Freire, unha das grandes apostas de futuro do rock galego.
Carme da Silva destacou o "virtuosismo" de todos estes músicos e incidiu en que o marco elixido, a Praza do Teucro, xa acolleu o nacemento do Festival internacional de Jazz e Blues de Pontevedra, unha cita consagrada no panorama musical español como espera que aconteza co "Brinca na Praza". Un festival ao aire libre e de balde, condición esta última que lle deixa fóra do circuíto do Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), segundo sinalou a edil "xa que esixen billeteira".
Igualmente a concelleira pontevedresa destaca o aspecto reivindicativo do festival "como non podía ser doutro xeito, é nosa obriga é de xustiza, reivindicar os nosos músicos e a nosa lingua".
Carme da Silva sinalou que "outras administracións irresponsables, como é o caso da Xunta de Galicia, se escudan na situación económica da crise para non apoiar a este tipo de iniciativas deixándoas en perigo de desaparición", concluíu.