O ministro de Cultura, José Guirao, será o encargado de inaugurar o 31 de outubro no Museo Arqueolóxico Nacional en Madrid a exposición 'Galaicos, un pobo entre dous mundos' que promove a Deputación de Pontevedra co obxectivo de atraer turismo arqueolóxico.
Este mércores presentábase esta iniciativa cultural e turística no Museo a cargo da presidenta da Deputación Provincial, Carmela Silva; o deputado de Turismo Santos Héctor; o director do Museo, Carlos Valle e os comisarios da mostra, Andoni Nicolau e Rafael Rodríguez.
Ambos destacaron a importancia dos xacementos en Galicia que permitiron comprobar que cando os romanos chegaron ao noroeste da península comprobaron que aquí xa se atopaba asentada unha sociedade complexa, articulada, con actividade económica e que iniciou enfrontamentos fronte aos invasores.
Nesta exposición divulgativa percórrense 1.500 anos de historia mostrando paisaxe e patrimonio para ofrecer máis de 60 pezas arqueolóxicas procedentes de 11 xacementos, fotografías, ilustracións e vídeos que mostran as influencias desta zona do territorio situada entre a cultura mediterránea e a atlántica.
Carmela Silva destacou as relacións que entón se establecían con fenicios e cartagineses. A partir da conquista romana desenvólvese unha reestrutura social, económica e territorial pasando a ser Gallaecia. Na mostra recóllense sete proxeccións asociadas con xacementos con materiais como o depósito de Samieira de Poio; a espada Sa Idda de Catoira; Askós de Alobre, de Vilagarcía; a Fíbula zoomorfa e o Caldeiro de Monte do Castro, de Ribadumia; o Ánfora de Bueu e o Ungüentario oriental, de Vigo.
A proposta realiza un percorrido desde a Idade de Bronce ata a creación da provincia de Gallaecia coa presentación de varios obxectos representativos como un puñal da Lanzada, un brazalete de Meis, ou o Ara do Monte do Facho.
Na mostra participan unha decena de entidades prestatarias de toda Galicia e de Asturias con pezas que sairán por primeira vez do Museo de Pontevedra, como a machada votiva de Lalín, o caldeiro e a fíbula zoomorfa de Monte Castro ou o Askós de Alobre.
Tras pasar por Madrid, a exposición viaxará ata Valencia na primavera de 2019 e, a falta de concretar outros museos da xeografía española que está previsto que percorra, retornará ao Museo Provincial de Pontevedra.