A deputada de Memoria Histórica, María Ortega, presentou o documental 'Acorda. Cartografía musical da memoria histórica de Pontevedra' acompañada de Uxía Senlle, a codirectora artística da peza audiovisual.
A través da música e as testemuñas recreadas por actores e actrices preténdese "dar voz ás vítimas a través das cancións en situacións concretas e lugares simbólicos", explicaba a deputada provincial. O documental amosa lugares da memoria histórica e feitos relacionados coa represión franquista na provincia de Pontevedra co apoio das voces de artistas do panorama musical galego.
Este camiño arrinca no edificio da Deputación en Pontevedra, que foi a sede do Goberno Civil desde onde se artellou a "resistencia fronte ao golpe de estado".
A continuación percórrense diversas localizacións cargadas de historia como a antiga Escola Normal de Pontevedra, Ponte Regueiro na Estrada, Pazo da Revolta en Marín, a canguesa praia de Massó, a praia de Alcabre en Vigo, a Volta dos Nove na Enseada da Bombardeira en Baiona, a Volta da Moura en Guillarei (Tui) e a Illa de San Simón, punto final do traxecto que o documental traza sobre os recordos e os feitos tráxicos derivados do "alzamento militar" de 1936 e que, segundo adiantaba María Ortega, vai ser un paso máis para reclamar que a Illa de San Simón sexa denominada como "Illa da Memoria".
"Este documental tamén pretende ser un exemplo de resistencia e dignidade, porque todas as persoas que viviron iso e que deron a súa vida tamén pola liberdade e a democracia, queremos que teñan o seu recoñecemento e a súa visibilidade", afirmaba Uxía Senlle, quen comparte dirección artística con Marina Carracedo.
Senlle destacaba tamén o importante labor de Montse Fajardo no asesoramento de contidos e a achega de tres representantes de asociacións pola memoria histórica, como son Queta Molas, Telmo Comesaña e Blanca Francés.
Uxía sinalaba así mesmo o traballo na realización de Lucas Terceiro, unha aposta por novos realizadores e co que se pretende tanto reivindicar o traballo dos máis novos como tamén chegar a un público de menor idade, o que neste momento perdeu xa o vínculo cos feitos ocorridos hai 85 anos e a ditadura posterior.
O recordo dos acontecementos con data e as historias persoais que están a marcar a varias xeracións acompáñanse dun fío musical interpretado por artistas que tamén gardan relación cos feitos da represión. Uxía Senlle nomeaba o caso da cantante Sheila Patricia, "bisneta dunha das madriñas de San Simón", mulleres humildes que levaban sustento aos presos mesmo con risco da súa vida. O elenco musical complétase con "voces moi diversas" como Emilio Rúa, Silvia Penide, Ugía Pedreira, Marina Oural, Tanxugueiras, Elio Santos, Isaac Palacín, Su Garrido, Ezetaerre e a propia Uxía.
A preestrea do documental 'Acorda. Cartografía musical da memoria histórica de Pontevedra' será no Teatro Principal de Pontevedra o venres 17 de setembro ás 20:30 e haberá que inscribirse a través dun formulario que se publicará proximamente na web da Deputación. A estrea oficial está fixada para o 1 de outubro no Ourense Film Festival.
En paralelo á traxectoria do documental, vaise montar unha exposición con medio cento de imaxes da fotógrafa Alba Díaz a modo de crónica da rodaxe e que se acompañan dos textos de Lois Pérez, quen foi tamén o guionista e narrador do documental.
A primeira parada desta mostra será o vestíbulo do Arquivo Provincial en Pontevedra. Tanto a exposición como o documental estará a disposición dos centros, concellos ou asociacións que o soliciten, xa que o obxectivo é poder difundilo polo maior número de lugares posibles cunha invitación tamén a que se poidan establecer actividades paralelas de divulgación e debate.