Presentada a programación completa do Festival das Núbebes

Pontevedra
25 de setembro 2024

Terá lugar os días 5, 6, 12 e 13 de outubro no Teatro Principal e a Casa das Campás. Entre a programación, seleccionada por Baobab Teatro, cabe destacar a estrea dun espectáculo de ópera da man de Bonnie Cooper ou a despedida dos escenarios de Pavís Pavós

Presentación do programa do Festival das Núbebes
Presentación do programa do Festival das Núbebes / Concello de Pontevedra

O Festival das Núbebes celebra o seu décimo aniversario. Esta nova edición terá lugar os días 5, 6, 12 e 13 de outubro entre o Teatro Principal, a súa sala de usos múltiples e a Casa das Campás e ten xa activada a venda anticipada de entradas a través da plataforma Ataquilla a un prezo de 3 euros máis gastos.

O Concello de Pontevedra acolleu este mércores a presentación da programación completa (descárgaa facendo click aquí), a cargo de Andrea Bayer de Baobab e o concelleiro de Cultura Demetrio Gómez.

Núbebes é un festival pensado "quizáis para o público máis importante de todos xa que é o máis novo, o que está aprendendo como é o teatro e temos que meterlle o bicho na cabeza e no corazón desde que son ben pequerrechiñas e pequerrechiños".

"Chega a décima edición do Festival das Núbebes a Pontevedra grazas a que temos en Pontevedra a Baobab Teatro, que é un luxo para esta cidade. Se non estivesen eles non poderiamos ter esta cousa tan linda que son as Núbebes", dixo Demetrio Gómez. 

Pola súa banda Andrea Bayer de Baobab Teatro, responsable da programación destacou "a emoción de volver coas Núbebes. É un festival moi demandando e querido. Arrincamos o día 5 e estamos moi contentos porque vai haber unha estrea dun grupo de Pontevedra, Bonnie Cooper. Un espectáculo de ópera cunha soprano que vai ser todo un reto pero pensó que as pequenas e pequenos van agradecer".

"É público moi esixente porque non teñen contemplacións, as veces choran non porque non lles guste o espectáculo, senón porque nese momento teñen algunha molestia. Nós apostamos pola primeira infancia como dixo Demetrio pero pensamos moito nas persoas que acompañan a estas personiñas pequenas porque, non poden vir soas de ningunha maneira. Son espectáculos pensados para toda a familia, o acubillo, ese momento de lecer xuntos, permitindo que veñan sempre o papá e a mamá", asegurou.

Andrea Bayer confirmou que no programa hai actividades máis específicas, de 0 a 3 anos, pero hai actividades nas que pode vir toda a familia. Haberá contos, teatro, este ano tamén moito concerto, "temos de tódalas artes".

"Estará Roque por suposto, na inauguración como nun espectáculo e temos tamén unha despedida: o grupo Pavís Pavós pn punto e final aquí no noso festival. É super importante porque para nós son tamén amigos, formaron parte das Núbebes desde o principio e aportaron moito á primeira infancia. Tiñan que estar si ou si porque é a última vez que os imos poder ver e é un luxo que non nos podemos perder".

A modo de anécdota, Andrea comentou que "na inauguración adoitamos subir sempre algún bebé amigo e este ano levaremos á bebe máis pequeniña de toda a historia das Núbebes: Amelia, que ten agora 6 días". Amelia é a filla do concelleiro Alberto Oubiña.