O Festival SonRías Baixasultima os preparativos para a celebración da súa 21ª edición, que terá lugar esta semana en Bueu dende este mércores 31 de xullo ata o sábado 3 de agosto.
Trátase dunha das citas musicais máis importantes do verán na Península do Morrazo, destaca por unha programación ecléctica, con artistas de renome e novas promesas, que actuarán en dous escenarios: Fest Galicia e El Águila.
Entre os cabezas de cartel desta edición destacan La Oreja de Van Gogh, Rozalén e Tanxugueiras, reflectindo unha aposta pola diversidade musical.
A presentación oficial da programación celebrouse hoxe en rolda de prensa, coa participación de Jordi Lauren e Berta Domínguez, directores de SonRías Baixas; Jacobo Sutil, director de Agadic; Luis López, presidente da Deputación de Pontevedra; Carmen García, concelleira de Cultura de Bueu; e Ramón Jesús Neira, responsable de eventos de Imaxe Norte.
Jordi Lauren destacou o obxectivo de ofrecer unha experiencia completa e cómoda para os asistentes, agradecendo o apoio institucional ao longo de máis de dúas décadas.
Pola súa banda, Berta Domínguez salientou a presenza feminina no cartel, con máis da metade das bandas lideradas por mulleres. Ademais, mencionou varias iniciativas dentro do recinto do festival, como o Programa de préstamo de puntos violeta, o programa VIHxía Móbil, unha caseta de Xuventude Galicia e un tótem interactivo de Walker & Walker Game.
Jacobo Sutil subliñou o impacto económico e cultural do festival na comarca, destacando a súa innovación e renovación constantes.
Este ano, a zona de acampada abrirase o mércores con unha festa de inauguración a cargo de Eme DJ.
La Oreja de Van Gogh encabeza a primeira xornada de concertos, seguidos de Álvaro de Luna, Sexy Zebras, Morochos e Sabela.
O venres, Rozalén será a estrela, acompañada de Chef’Special, Travis Birds, Fillas de Cassandra, Muerdo, La Élite, Gilipojazz e Cool Nenas.
Na xornada final, Tanxugueiras serán as protagonistas, xunto con Rayden, Ginebras, Emlan, Mr. Kilombo, Mondra, The Rapants, Inés Hernand, La La Love You e Anabel Lee.