Premios para dúas novas promesas da banda deseñada galega formadas no Garaxe Hermético

Pontevedra
21 de marzo 2018

Miguel Bouzas, de 12 anos, acadaba o primeiro premio na categoría Junior do II certame literario solidario de Fuencarral. Andrés Simal, de 14 anos, conseguía o segundo premio no mesmo certame

Miguel Bouzas debuxando no Garaxe Hermético
Miguel Bouzas debuxando no Garaxe Hermético

O Garaxe Hermético segue logrando recoñecemento en diferentes certames artísticos. Nesta ocasión, dous estudantes do centro pontevedrés de formación na creación de cómics, dirixido por Kiko da Silva, lograban o primeiro e segundo premio na categoría Junior do Certame Literario Solidario de Fuencarral na modalidade de cómic.

Miguel Bouzas, de 12 anos, gañaba o primeiro premio, mentres que Andrés Simal, de 14 anos de idade, conseguía o segundo premio. Ambos recibirán un diploma, peza artística, un obsequio por cortesía da Fundación Vicente Ferrer, lote de cómics por cortesía de norma Editorial, láminas e ilustración dedicadas por autores de prestixio, ademais da publicación dos seus traballos nun libro, que será editado por ViveLibro.

Este exemplar venderase para recadar fondos para a Fundación Vicente Ferrer. Os dous gañadores participaron no curso de iniciación á Banda Deseñada no Garaxe Hermético.

A entrega de premios vai levarse a cabo o vindeiro día 21 de abril en Madrid. No caso de Andrés Simal xa gañara o primeiro premio de Caricatura de Ferrol 2016 e o  Curuxa Gráfica do Museo do Humor de Fene 2017.