Premio Galiza Mártir para os historiadores Carlos Babío e Manuel Pérez

Poio
14 de agosto 2022

O galardón, que comezou a entregarse no ano 2006, será este ano para os historiadores Carlos Babío e Manuel Pérez, autores do libro 'Meirás: un Pazo, un caudillo, un expolio'

Raquel Rodríguez, Marga Caldas, Luciano Sobral e Valentín García
Raquel Rodríguez, Marga Caldas, Luciano Sobral e Valentín García / Concello de Poio

O alcalde de Poio, Luciano Sobral, a concelleira de Memoria Histórica, Marga Caldas e Raquel Rodríguez, responsable de Cultura, veñen de anunciar a programación da nova edición do Día da Galiza Mártir. 

O rexedor e as concelleiras do BNG estiveron acompañadas polo vicepresidente da Fundación Alexandre Bóveda, Valentín García, que colabora activamente nun acto que, tal e como destacou o propio Sobral, "serve para lembrar a figura dun dos máximos referentes do galeguismo, como foi o noso veciño Alexandre Bóveda, así como a todos e todas as mártires que foron vítimas do réxime e da represión franquista".

Logo de dous anos marcados polas restricións e medidas vencelladas á situación sanitaria derivada da COVID-19, a celebración recupera toda a súa esencia. Como xa é habitual, a cita terá lugar ás 13.00 horas no monumento que lembra a figura de Bóveda na Caeira, no lugar no que foi fusilado polo Réxime o 17 de agosto de 1936. "Cúmprense 86 anos desta fatídica data, pero a figura de Alexandre segue máis viva ca nunca", sinalou a concelleira de Memoria Histórica, que explicou que neste 2022 recupérase a entrega do Premio Galiza Mártir, logo da súa suspensión en edicións previas por mor da pandemia. 

O galardón, que comezou a entregarse no ano 2006, será entregado este ano aos historiadores Carlos Babío e Manuel Pérez, autores do libro ‘Meirás: un Pazo, un caudillo, un expolio’. Editado no ano 2017 por Galiza Sempre, a obra dos escritores sadenses fai un repaso á historia deste histórico inmoble e a maneira na que acabou pasando a mans da familia Franco. "É un traballo que explica o que foi o franquismo e tamén nos dá unha idea dos privilexios cos que contou o Réxime durante décadas", apuntou Marga Caldas.

O acto deste mércores contará coa asistencia de representantes de diferentes institucións, como o Concello de Pontevedra e a Deputación Provincial. Intervirán representantes da Fundación Alexandre Bóveda e da Fundación Castelao, ademais de Amalia Bóveda, filla do histórico político galeguista. "Todos e todas elas desenvolver un traballo indispensable para que as novas xeracións poidan coñecer a importancia da figura de Alexandre", sinalou a titular de Memoria Histórica.

O acto pecharase coa interpretación do Himno de Galicia, a cargo da Escola de Música Tradicional de Poio. O alcalde Sobral rematou sinalando que "todos e todas debemos un recoñecemento e agradecemento infinito ás mulleres e homes que loitaron e sacrificaron as súas vidas por un país mellor e libre".