Premiadas as actrices Mariana Carballal e María Vázquez coa produtora Beli Martínez nos Mulleres no Foco

Pontevedra
21 de outubro 2023

Luis López, presidente da Deputación de Pontevedra, recoñeceu na súa intervención o talento e a traxectoria das premiadas e das candidatas na gala celebrada este venres na sede de Afundación coa actuación de Fillas de Cassandra

Gala dos Premios Mulleres no Foco 2023
Gala dos Premios Mulleres no Foco 2023 / Mónica Patxot

A gala celebrada este venres 20 de outubro na sede de Afundación outorgaba os premios Mulleres no Foco 2023 ás actrices María Vázquez e Mariana Carballal, ademais da a produtora Beli Martínez, na terceira edición destes galardóns concedidos pola Deputación de Pontevedra e a Asociación de Mulleres CIMA.

Fillas de Cassandra, un dos referentes musicais actuais en Galicia, encargábanse de amenizar o acto que contou coa presenza de representantes do audiovisual de Galicia. 

Luis López, presidente da Deputación, recoñecía na súa intervención o traballo das tres mulleres premiadas e tamén o das outras dezasete candidatas aos premios polo seu traballo co obxectivo de lograr que a muller teña a representatividade que merece no cinema.

"Hai unha provincia que todos os días se formula en feminino, e nese espello nos miramos a diario. Esa provincia de mulleres anónimas que dan pasos silenciosos pero cruciais para derrubar barreiras no fogar e no traballo, esa provincia da escritora María Xosé Queizán, da campioa Tere Abelleira, da doutora África González, da Maxistrada Paz Filgueira e de tantas outras que son líderes nos seus respectivos eidos. Ou a provincia das vinte nominadas a estes premios", indicou o presidente provincial.

López destacou a Beli Martínez como unha pioneira da sétima arte ao abrir camiños para as novas xeracións a través do seu traballo como produtora e tamén como docente. Ademais, subliñou o compromiso de Mariana Carballal coa cultura e o cinema galego e en canto a María Vázquez remarcou o "rostro familiar" que transmite a intérprete viguesa nos seus traballos converténdose nun referente que visibiliza á muller no audiovisual.

O presidente provincial concluíu facendo un chamamento pola igualdade e apostando por "máis visións, canta máis complicidade, canta máis pluralidade, mellor", admitiu durante o seu discurso.