O Pazo da Cultura de Pontevedra encheu onte de ilusión e fantasía para dar comezo á XXVI edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil, que este ano xira arredor do cinema e ten a Francia como país convidado.
O espectáculo inaugural "Luces, cámara, acción... que vén o Salón", dirixido por Manuel Albariñas, marcou o inicio dunha programación que promete facer realidade a imaxinación infantil nunha "edición de película".
Nunha clara aposta pola inclusión, a actuación estivo signada por AZ Lingua de Signos, unha das melloras implementadas este ano para garantir que todos os nenos e nenas poidan gozar por igual deste evento cultural de referencia.
O espectáculo narrou a historia duns repartidores de comida a domicilio que abandonan o seu traballo precario para perseguir o seu soño de facer cinema.
A posta en escena contou coa participación da Xingro's Big Band, o Coro do IES Xunqueira 1, V de Minúscula (Noela Hermida e Gabriel Bravo), Ares Caínzos, o IES Illa de Ons, ESDEMGA e Mara Iglesias.
Durante a actuación, o público puido gozar da interpretación de pezas como "O Corcobado de Notre Dame", "I dreamed a dream" ou "Pretty girls" de Miserábeis, e "City of stars" do filmeLa la land, entre outras.
"VÓS SODES OS MÁIS IMPORTANTES"
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, dirixiuse especialmente aos máis pequenos durante a súa intervención: "Quero que o pasedes ben, que participedes en todas as actividades cantas poidades, que as temos moi variadas e para todas as idades", afirmou o rexedor.
"Quero que saibades que no Salón do Libro e en Pontevedra, vós sodes os máis importantes, por iso quero que esteades ben, a gusto. O Salón é a vosa casa", engadiu Fernández Lores, quen tamén agradeceu aos adultos acompañantes o seu apoio a esta iniciativa cultural: "A súa presenza revélame moitas cousas: primeiro, que vos queren moito; segundo, que lle queren ao Salón e iso éncheme de orgullo; terceiro, que lle queren a Pontevedra".
O alcalde destacou que "o Salón é unha cita agardada e desexada no calendario cultural infantil e xuvenil da cidade" e que "o esforzo que fai o Concello para organizalo está sobradamente recompensado vendo como xeración tras xeración acompañades aos vosos fillos e fillas, sobriños e sobriñas, netos e netas a gozar del".
APERTURA DE PORTAS CON ORBIL E MARCELINE
Tras o espectáculo inaugural, tivo lugar a tradicional apertura de portas do Salón da man de Orbil, a mascota do evento, e a recén chegada Marceline Loup, a súa curmá francesa e directora de cinema, quen se incorpora este ano como personaxe especial vinculado á temática cinematográfica.
Ámbalas mascotas encabezaron a comitiva seguida por numerosos nenos e nenas entusiasmados que accederon por primeira vez a esta edición do Salón, onde ao longo dos vindeiros días terán a oportunidade de gozar de numerosas actividades, obradoiros, contacontos, propostas escénicas e dunha ampla selección de libros.
O XXVI Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra permanecerá aberto ata o luns 7 de abril, ofrecendo unha programación completa que combina literatura, cinema e actividades lúdicas.