O teatro afeccionado chegará nos próximos días a Portas coas representacións dos grupos Aturuxo Teatro de Baión (Vilanova de Arousa), Teatro Chaín (Gondomar) e o Teatro Candelas, de Lantaño (Portas).
As representacións celebraranse no Auditorio da Azucreira os domingos 19 e 26 de marzo e o 2 de abril a partir das 19:00 horas, tal e como indicaron o alcalde Ricardo Martínez e a concelleira Ana Peña durante a presentación da actividade.
O obxectivo do Concello con este ciclo é visibilizar o traballo que fan as compañías de teatro afeccionado e achegar ao público en xeral unha oferta cultural variada que xirará en torno ás representacións que se fagan sobre o escenario.
O grupo inaugurador desta actividade será o Teatro Aturuxo, de Baión, coa obra 'O achado do castro', unha comedia na que os espectadores viaxarán ata a Roma antiga en clave de humor cos emperadores, soldados, filósofos, ladróns e o amor.
A representación será o domingo 19 de marzo con entrada de balde ata completar aforo.