No cinema galego, que nos últimos anos rompeu fronteiras con películas como Matria, O corno o As bestas, faltaba un relato adolescente que apelase aos propios mozos. Ese oco cubriuse con As Neves, a primeira película da directora e guionista viguesa Sonia Méndez.
Pontevedra é unha das máis de vinte cidades de toda España na que se pode ver este filme, rodado en galego en diversas localizacións da zona da Fonsagrada (Lugo).
Ata os cinemas de Vialia acudiu este xoves a directora, acompañada dunha das protagonistas da película, a actriz pontevedresa Irene Rodríguez, para manter un coloquio co público tras a proxección desta cinta.
Ambas debullaron as intimidades dunha historia que aborda cunha mirada íntima o contraste da hiperconexión e do illamento que viven os mozos nun pobo de montaña.
"É unha película de xente boa facendo cousas malas sen querer", explicou Méndez, que encomiou o gran talento do seu elenco, liderado por Andrea Varela e David Rodríguez, xunto a debutantes como Antía Mariño, Xacobe Bruna e a propia Irene Rodríguez.
En As Neves, un grupo de adolescentes celebran unha festa de entroido e se drogan por primeira vez. Ao día seguinte, espertan cun temporal de neve e coa noticia de que Paula, unha das mozas da festa, desapareceu.
Mentres tanto, o pobo queda incomunicado e cae internet. Cada vez é máis urxente atopala. A investigación sobre este suceso causará un profundo cambio nas súas vidas e na relación que todos eles teñen co mundo.
"O que máis me interesaba era seguir a viaxe emocional destes adolescentes. Trátase dunha época na que as emocións son vividas en presente, por primeira vez e con moitísima intensidade", indicou a directora.