Do 6 ao 9 de xuño, en Pontevedra haberá contos para todo o mundo. Diferentes escenarios da cidade acollerán as actividades da terceira edición de Sete Falares, un encontro internacional de contadores de historias "xa consolidado na nosa oferta cultural", segundo destacou na súa presentación a concelleira de Cultura, Anxos Riveiro. Un evento que durante eses tres días nos achegará á tradición da literatura oral.
Sete Falares, coordinado por Pavís Pavós, contará este ano coa participación de cinco narradores: Angelo Torres (Santo Tomé e Príncipe), Ana Sofia Paiva (Portugal), Soledad Felloza (Uruguai) e os galegos Avelino González e Pablísimo. Todos eles protagonizarán espectáculos dirixidos a un público adulto, pero haberá historias para os máis pequenos. E neste sentido, a inauguración correrá a cargo de Pavís Pavós e o seu espectáculo Historias da tía Valisneria.
A programación desta nova edición de Sete Falares é a seguinte:
VENRES 6 DE XUÿO
- 18.00 horas. Pazo de Mugartegui: Historias da tía Valisneria, de Pavís Pavós.
- 20.30 horas. Teatro Principal: De dous en dous, con Soledad Felloza e Angelo Torres.
- 23.00 horas. Teatro Principal: De dous en dous, con Avelino González e Ana Sofia Paiva.
SÁBADO 7 DE XUÿO
- 11.00 horas. Casa das Campás: Pablísimo.
- 12.30 horas. Casa das Campás: Entrega dos premios do concurso de narración 'Cociña de contos, Europa á carta'.
- 17.30 horas. CITA: Contos e e cantos, de Ana Sofia Paiva.
- 19.30 horas. Casa da Luz: Angelo Torres.
- 22.00 horas. Rutas de historias por Pontevedra.
DOMINGO 8 DE XUÿO
- 11.00 horas. Viaxe en barco dende As Corbaceiras: Contos no meio do mar, con Avelino González.
- 18.30 horas. CITA: Soledad Felloza.
- 20.30 horas. Teatro Principal: Clausura. Rolda de narradores
Unha das principais novidades desta edición é que as Rutas de historias por Pontevedra, as visitas guiadas pola cidade a cargo dos narradores que participan no festival, se amplían 60 persoas cada unha. Serán catro en total, cada vinte minutos dende as 22.00 horas, e con saída dende a Casa das Campás.
Todas as actividades de Sete Falares serán de carácter gratuíto, segundo explicou Tareixa Alonso de Pavís Pavós, salvo a viaxe en barco pola Ría de Pontevedra, que terá un prezo de 15 euros por persoa (10 para desempregados); e a clausura no Teatro Principal, na que os cinco narradores estarán acompañados polos músicos Davide Nogueira e Antón Castro, que custará tres euros.