Pontevedra recibirá a Diana Navarro, Els Joglars ou Lola Herrera na nova tempada teatral de Afundación

Pontevedra
11 de xullo 2022

Cinco espectáculos teatrais formarán parte da nova tempada de teatro que Afundación preparou para o próximo outono e que, entre outros, traerá a Pontevedra a artistas como Diana Navarro, Lola Herrera, María Adánez, Ana Fernández ou a compañía Els Joglars

Diana Navarro, Avelino Piedad e Alejandro Vera
Diana Navarro, Avelino Piedad e Alejandro Vera /

Cinco espectáculos teatrais formarán parte da nova tempada de teatro que Afundación preparou para o próximo outono e que, entre outros, traerá a Pontevedra a artistas como Diana Navarro, Lola Herrera, María Adánez, Ana Fernández ou a compañía Els Joglars.

El sueño de la razón, con Ana Fernández, Chema León ou Antonio Valero no seu elenco, será a obra que abra esta tempada teatral. Será o 21 de outubro cando o público pontevedrés poida gozar deste texto de Buero Vallejo sobre os conflitos permanentes do ser humano. 

A seguinte será En tierra extraña, unha viaxe musical pola vida de Federico García Lorca, Concha Piquer e Rafael de León da man de Diana Navarro, Avelino Piedad e Alejandro Vera dirixido por Juan Carlos Rubio. Poderase ver o 4 de novembro en Pontevedra. 

Els Joglars subirán ao escenario de Afundación en Pontevedra o 16 de novembro para interpretar ¡Que salga Aristófanes!, unha dramaturxia contemporánea que, combinando a música, a danza, a literatura e o visual, pon o foco na infantilización do mundo adulto.

¡Ay, Carmela!, de José Sanchís Sinisterra e interpretada por María Adánez e Pepón Nieto poderase ver o 1 decembro en Pontevedra. Trátase dunha obra na que a soidade, o medo e a inxustiza van da man da añoranza, a complicidade, o amor e a memoria. 

Lola Herrera, acompañada das actrices Ana Labordeta e Lola Baldrich, será a encargada de pechar a tempada coa obra Adictos, que se representará o 9 de decembro. Nela, analízase a problemática de que ata que punto estamos sometidos pola tecnoloxía.

A venda de abonos para esta tempada será, de maneira física, os días 19, 20 e 21 de xullo, mentres que a través de ataquilla.com poderanse adquirir ata o 21 de setembro. A partir desta última data poderanse comprar tamén as entradas soltas para cada obra.