Cinebox Vialia atópase ao límite. A crise ameaza con levarse por diante o único cine que permanecía aberto na cidade. Coa perda destas oito salas, Pontevedra quedaríase como a única capital española sen salas de cine. Segundo fontes sindicais, os motivos deste precipitado peche estarían na "abultada" débeda que a empresa exhibidora mantén co Administrador de Infraestructuras Ferroviarias (ADIF), propietaria de Vialia.
Ademais do impacto que a noticia xerou na sociedade pontevedresa, con este peche Cinebox Vialia despedirá aos 15 traballadores cos que conta en Pontevedra. Veríanse abocados ao cese de actividade por un procedemento por desafiuzamento impulsado polo ADIF. Para saldar esa débeda o organismo, dependente do Ministerio de Fomento, non acepta outra saída que o pago íntegro do diñeiro pendente. A data de peche, determinada polo día marcado para este desafiuzamento, sería o 25 de xuño.
PontevedraViva púxose en contacto coa empresa Cinebox para coñecer a súa versión sobre esta noticia adiantada polo sindicato Comisións Obreiras. Aseguran que Cinebox Vialia Pontevedra ten aberto un proceso xudicial, cuxa vista está fixada para o próximo 20 de maio, por unha falta de acordo cos propietarios do centro comercial. Actualmente, din, "estamos á espera da vista do xuízo e da resolución final". En todo caso afirman que descoñecen os datos que manexa o sindicato.
O máis que probable peche de Cinebox Vialia é o último exemplo do declive do cine en Pontevedra, unha cidade que chegou a contar con seis cines que ofertaban un total de dezaseis pantallas. Cinebox aterraba en Pontevedra no ano 2004 tras adquirir as oito salas que explotaba o Grupo Lauren Exhibición, que se viu obrigado a vendelos tras entrar en suspensión de pagamentos. Os cines puxéronse en marcha en 2001.
O OCASO DO CINE PONTEVEDRES
O ocaso comezou a mediados dos 90 cando pechaba o Teatro Malvar, inaugurado en 1948. Parte del reconverteuse nunha oficina de Novacaixagalicia, manténdose intacta a galería principal de acceso ao vello cine onde aínda hoxe se conserva o nome orixinal. O resto do inmoble foi adquirido en 2005, xunto co Hotel México, por unha promotora viguesa para a construción dun novo edificio de vivendas.
A presión urbanística tamén foi a 'condena de morte' do Teatro Cine Vitoria, situado en Benito Corbal. A súa apertura en 1943 foi todo un acontecemento social na época. Emitía a súa última película 59 anos despois. Foi desde os seus inicios unha das salas de referencia da cidade. Hoxe en día xa non queda ningún vestixio da súa existencia. O seu lugar ocúpao, entre outras cousas, unha tenda de H&M e unha nova promoción inmobiliaria.
O terceiro cine histórico de Pontevedra, o Cine Gónviz, pechou un ano antes que o Vitoria, en 2001. Foi inaugurado en 1970. Gran parte da súa vella sala, concretamente o vestíbulo e o sotáno, foi alugado á empresa Inditex, que instalou alí unha tenda de Zara Home. O patio de butacas, situada no patio interior da mazá, segue sen uso. Está catalogada como equipamento e ata a aprobación dun novo PXOM é moi complicada a súa reutilización.
Pero non só estas grandes salas de cine foron pechando pola crise do sector. Tamén as salas de multicines que abriron nos anos 80. Os Multicines ABC da rúa Blanco Porto ofertaban tres salas de cine coas últimas innovacións tecnolóxicas. Pecharon en 2006 tras vinte anos de actividade e desde entón o local que ocupaban atópase baleiro. Anos antes pecharan tamén os Fylcine, situados en fronte. No seu caso, foi alugado por unha tenda de textil e calzado chinés.