'Pontevedra no tempo', a exposición que traza os fitos da urbe que quixo ser vila

Pontevedra
18 de xullo 2024

Ata o 14 de setembro pódese visitar a exposición Pontevedra no tempo. Unha iniciativa organizada pola Xunta de Galicia, a través da Fundación Cidade da Cultura, que se mostra na sede de Afundación en Pontevedra (Rúa Augusto González Besada, 2)

Exposición 'Pontevedra no tempo'
Exposición 'Pontevedra no tempo' / Rocío Cibes

Ata o 14 de setembro pódese visitar a exposición Pontevedra no tempo. Unha iniciativa organizada pola Xunta de Galicia, a través da Fundación Cidade da Cultura, que se mostra na sede de Afundación en Pontevedra.

Trátase da derradeira das exposicións que se poñen en marcha no marco dun proxecto máis amplo, Cidades no tempo, que contempla unha mostra en cada unha das sete principais urbes galegas. Tras Santiago, Ferrol, Lugo, A Coruña, Vigo e Ourense, a proposta culmina o seu percorrido en Pontevedra, coa meta dereivindicar a cultura urbana como compoñente clave da identidade de Galicia.

Á fronte do proxecto está Manuel Gago, doutor en Ciencias da Comunicación e director de culturagalega.gal do Consello da Cultura Galega. Para esta mostra conta co asesoramento, como coordinadora local, da escritora, divulgadora e cronista Milagros Bará Viñas. Colaboran tamén de forma esencial institucións relevantes da cidade como son o Museo de Pontevedra e o Concello, ademais de coleccións privadas e entidades do exterior.

A través dun cento de obxectos físicos e preto de 120 pezas dixitais, a mostra retrata a conciencia desta cidade construída na confluencia de diferentes mundos. Xa a súa privilexiada situación, á beira dun río e no inicio dunha ría, outorgoulle a Pontevedra dende a xénese unha natureza binomial que, co devir dos séculos, enriqueceu a súa identidade.

Porque, máis aló da dualidade rural-urbano na que medraron as cidades galegas, Pontevedra permítese ser vila e capital a un tempo, conserva un pasado marítimo e mariñeiro e outro rural, e dá en explicar o seu devir como centro administrativo, pero tamén como praza fronteiriza.

Non é azaroso, polo tanto, que Pontevedra lle poña o ramo ao proxecto Cidades no tempo. Ao cabo, esta cidade brinda unha metáfora certeira das moitas Galicias que aquí se reúnen na paisaxe, no cultural, na economía e no histórico.

URBE E BOA VILA

Pontevedra no tempo toma como punto de partida o mito fundacional de Teucro e percorre a mutación da urbe, que primeiramente se caracterizou por un espírito portuario cuxo maior esplendor chegou no século XVI para derivar despois nun importante epicentro administrativo.

Nesta liña do tempo, a mostra fai parada en planos e reproducións da fisonomía dunha cidade que naceu cun importante carácter defensivo pola súa proximidade cos lindes entre os reinos de Galicia e León e o portugués. A súa condición estratéxica e como encrave económico motivou a construción dunha muralla que perduraría ata o século XIX. Esta expansión decimonónica dotou a cidade de equipamentos públicos destinados ao novo poder administrativo (Deputación), ás necesidades hixienistas (mercado de abastos e diferentes lavadoiros) ou ao lecer (Alameda).

Abórdase na mostra esta transformación que veu da man dunha burguesía que, ao abeiro da capitalidade provincial, impulsou iniciativas empresariais, culturais, financeiras e urbanísticas que fixeron de Pontevedra "unha boa vila para unha vida boa". Obxectos históricos, obras de arte ou fotografías que recollen a memoria dunha sociedade que se artellou como Boa Vila, título que se popularizou nos dous últimos séculos pero que procede do cronista medieval Jean Froissart, que definiu así á cidade que se enfrontou o asedio do exército inglés en 1386.

A mostra percorre esa estética da cidade recolleita e familiar a través dos seus símbolos arquitectónicos: o Renacemento pontevedrés, os soportais e a medra vertical do século XX representada no edificio Las Torres, entre outros.

Entre as pezas destacadas, os organizadores citan O Teucro, óleo de José Llasera Díaz (1922) que retrata o Vígaro da Moureira, o decano do gremio de Mareantes, que é a primeira vez que se pode contemplar en público. Exponse acompañado do "cetro de Teucro", símbolo da Pontevedra do Renacemento e unha peza única en Galicia. 

 

Pontevedra no tempo
Sala de Exposicións Afundación Pontevedra
Rúa Augusto González Besada, 2 (Pontevedra) 
15 xullo - 14 setembro 2024
De balde
Luns a sábado, de 11 a 14h e de 17.30 a 20.30 horas
Non abre domingos nin festivos