A cita cantareira que dá inicio non oficial ás festas da Peregrina volverá celebrarse na véspera do inicio da Semana Grande das festas de verán. Malia a pandemia, a agrupación Maravallada e o Concello de Pontevedra decidiron realizar unha edición especial no que xa é o cuarto ano da celebración do Aquí Cántase!
Nesta ocasión non haberá un percorrido por diferentes prazas do centro histórico coa presenza masiva de público participante. O evento, este ano, vai desenvolverse na praza da Ferrería este venres 7 ás 22.00 horas. A agrupación Maravallada ocupará o escenario previsto para o resto de actuacións nese espazo e desde alí, os integrantes dirixirán ao redor de 200 persoas que deberán cantar sentadas nas cadeiras situadas na praza, previa limpeza de mans con xel hidroalcohólico e recollida do papel coas letras das cancións tradicionais. O espectáculo de canto colectivo durará aproximadamente unha hora debido a que se reduce o repertorio respecto a outras edicións.
Carme da Silva, concelleira de Festas, e Luis Torres, de Maravallada, explicaban este mércores as condicións especiais desta sesión, que contará coa novidade de que será retransmitido por internet, a través do Facebook de Maravallada, para que toda a xente que queira participe desde as súas casas.
"Non se trata de cantar ben, trátase de cantar", explicaba Luis Torres lembrando o espíritu desta cita popular que este ano, debido ao confinamento, non puido contar cos ensaios previos en centros culturais, como si sucedía en anos anteriores.
"Vai ser nun escenario alto, lonxe do público e a nós gustaríanos estar preto da xente, que é a protagonista. Pero este ano vai facerse da mellor maneira posible", indicaba Torres ao sinalar que deben de adaptarse á situación da emerxencia sanitaria evitando aglomeracións.
"Pontevedra, pese ás circunstancias, fai un canto colectivo. A véspera das festas da Peregrina hai que cantar" afirmou Carme da Silva, que agradeceu o esforzo que fai Maravallada tanto con esta actividade como con Cantos de Taberna, outra cita musical que este ano se desenvolveu con notable éxito por internet.