'Pontevedra literaria. Xuventude e Artes' fomentará en outubro a creación literaria da mocidade

Pontevedra
29 de xullo 2024

Este luns, 29 de xullo, a Deputación de Pontevedra abre o prazo para participar no concurso de deseño do cartel que será imaxe do I Encontro Literario e Artístico 'Pontevedra literaria. Xuventude e Artes'. Poderán participar persoas de entre 16 e 35 anos

Gala dos Premios Provinciais á Xuventude
Gala dos Premios Provinciais á Xuventude / Deputación de Pontevedra

O "especial interese" que a Deputación de Pontevedra detectou entre a mocidade da provincia pola creación artística e literaria fixo que a institución provincial vaia organizar o próximo mes de outubro a primera edición do encontro literario e artístico 'Pontevedra literaria. Xuventude e Artes'.

O evento será posto en marcha despois de que observaran un aumento no número de solicitudes nas categorías de 'traballo literario breve' e 'fotografía orixinal' para os Premios Provinciais á Xuventude, o que denota o interese por estas artes.

Durante o encontro haberá charlas-coloquio impartidas por novelistas, nas que compartirán as súas motivacións para animarse a escribir, relatarán as súas experiencias no mundo literario e darán consellos e recomendacións para as persoas que se queiran iniciar na escrita.

As xornadas completaranse con dúas exposicións: unha de fotografía, na que se amosarán as obras gañadoras das últimas sete edicións dos Premios Provinciais á Xuventude, e outra de pintura, que incluirá cadros realizados por mozas e mozos da provincia.

Este luns 29 de xullo, a Deputación de Pontevedra abrirá o prazo para participar no concurso de deseño do cartel que será imaxe deste encontro.

Neste novo concurso poderán participar persoas de entre 16 e 35 anos que estean empadroadas na provincia. O traballo gañador, ademais de ser premiado con 300 euros, será o que se empregue como imaxe do evento.

Os proxectos presentados deben ser orixinais e non se poden presentar deseños que xa participasen total ou parcialmente noutros certames ou concursos de similares características. Ademais, o deseño deberá presentarse en tamaño A3 (29,7 cm x 42 cm) en formato PDF ou JPG.

Nas bases da convocatoria poden consultarse todos os detalles e as persoas interesadas en presentar algunha proposta poderán facelo ata o vindeiro 30 de agosto a través da sede electrónica da Deputación.