O instituto Torrente Ballester, o último no que María Victoria Moreno exerceu como docente antes da súa xubilación, foi o escenario do acto institucional organizado pola Xunta de Galicia con motivo do Día das Letras Galegas.
Unha homenaxe que, segundo o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, foi "sentido, fermoso e humilde" e, ao mesmo tempo, "intenso como é a nosa lingua". A el, segundo sinalou citando á propia homenaxeada, "vimos guapos e alegres" para festexar un día que se dedica "a unha gran muller que amou intensamente a Galicia".
Antes desta intervención, o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, explicou que a institución "tivo moi en conta" o labor docente de María Victoria Moreno á hora de elixila para protagonizar un Día das Letras Galegas que busca tamén recoñecer o "papel dos mestres" na difusión do idioma galego.
Todos eles, dixo, "entréganse ao seu país" para formar homes e mulleres "modernos" que sexan "conscientes de onde veñen e da lingua que falan" e que, como María Victoria Moreno, "merecen todo recoñecemento e todo aplauso".
"Ou transmitimos esapaixón, esabeleza, esa alegría e esacapacidade que ten o galego para seducirounon seremos capaces deconstruír futuro", subliñou Freixanes.
Núñez Feijóo, a este respecto, asegurou que o idioma galego "é capaz de namorar os que non o tiveron como lingua nai" e, mentres moitos autores optaron por escribir nunha lingua diferente á súa tras "exiliarse" dun clima cultural que sentían "asfixiante", María Victoria Moreno "fíxoo por amor".
"Foi unha opción absolutamente libre", lembrou o presidente galego, que insistiu en que "ninguén lle obrigaba a semellante compromiso", xa que o ambiente da época "non era propicio" para adoptar un idioma "proscrito" que, segundo apuntou, "sobrevivía nas catacumbas e aloumiñada polo pobo".
Esa historia de amor polo galego, dixo Alberto Núñez Feijóo, foi posible por ser este un idioma " incluínte" que se pode "vivir en liberdade" e a partir do que a sociedade galega está a construír un modelo de recuperación lingüística "que se inspira na nosa forma de ser".
Ese modelo, que segundo o presidente da Xunta, é "susceptible de mellora e perfeccionamento", logrou que o galego sexa un "espazo de encontro e non de desencontro" e que, engadiu, "non é privativo de ninguén porque foi creado por todos".
"O galego é de todos, de quen o fala, de quen o sinte, de quen o escoita e de quen o ama", apuntou Alberto Núñez Feijóo, que animou aos mozos a que esta "herdanza" que recibiron dos seus pais e dos seus avós úsena "sen complexos" ao ser unha lingua "útil e con futuro" que conecta a Galicia cos países lusófonos.
Con respecto á traxectoria da autora homenaxeada neste Día das Letras Galegas, Núñez Feijóo afirmou que coa súa obra literaria e a súa docencia demostrou que escribir para nenos "non é unha literatura menor" e que ensinar aos mozos "non é unha docencia subalterna", xa que "non esixe rebaixar senón elevar" a calidade da escritura e do ensino.
A vida e a obra de María Victoria Moreno, sinalou, "lles está dicindo a aqueles que, sen ser galegos de orixe, síntense atraídos polo noso, que a nosa lingua está aberta a todos" e, aos que son galegos e non se deciden a usalo que "posúen unha ferramenta enriquecedora que non exclúe nin divide senón que abre unha infinidade de horizontes".
"A lingua que tanto amou María Victoria florece nesta Galicia unida e sen fracturas, libre e cordial", asegurou o presidente galego
"A lingua que tanto amou María Victoria florece nesta Galicia unida e sen fracturas, libre e cordial", concluíu o presidente galego.
A familia de María Victoria Moreno tivo tamén un rol destacado neste acto institucional e a súa filla, Begoña Llácer, destacou que hoxe é un día "importante" para os familiares dunha autora que "amaba o galego", idioma que coñeceu ao chegar a Galicia para emprender a súa carreira como docente e que falaba, engadiu, "o pobo ao que amou".
Na súa intervención, Llácer sinalou que a súa nai "quería ser lembrada como mestra", como parte dun ensino público que "garante" que todos os nenos teñan acceso á educación "e ser educados na súa lingua".
A música e a obra de María Victoria Moreno foi o fío condutor dunha homenaxe no que a súa neta, Victoria Feijóo, deu lectura ao poema "Cantiga" incluído na súa obra póstuma "Elexías de luz" que, posteriormente, foi interpretado en directo polo dúo musical formado por RosaCedrón e Emilio Rúa.
Ademais, Adrián Torres, músico e familiar da autora interpretou unha peza musical baseada noutro dos seus poemas, "A Sara, percebeira na Illa de Ons", tamén incluído no libro editado en 2006, tras o falecemento de María Victoria Moreno.
O acto institucional concluíu coa interpretación do himno galego e co descubrimento na entrada do instituto dunha placa conmemorativa en recoñecemento do labor docente de María Victoria Moreno e á súa contribución á lingua e á literatura galega.