O Día das Letras Galegas estará centrado "moi especialmente" na cidade de Pontevedra. Así o avanzou o presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor Freixanes. Non podía ser doutra maneira. O seu protagonista será a profesora e escritora María Victoria Moreno, de orixe estremeña pero galega e pontevedresa "por amor".
María Victoria Moreno desenvolveu gran parte da súa carreira docente e literaria en Pontevedra, lembrou Freixanes, que agradeceu a "sensibilidade" mostrada polo Concello de Pontevedra para organizar unha ampla programación, en colaboración coa RAG e con multitude de asociacións culturais e colectivos do municipio.
O seu, dixo o presidente da academia, é un "caso extraordinario" dentro da literatura galega, ao lembrar que a pesar da súa orixe estremeña, foi unha "firme defensora" do galego. Así, case toda a súa obra, centrada na literatura infantil e xuvenil, escribiuna neste idioma, do que se "namorou" cando chegou a Galicia.
A este respecto, Víctor Freixanes destacou catro valores "fundamentais" na figura de María Victoria Moreno: a súa condición de profesora, a súa traxectoria como escritora, o seu amor polo galego "sumándose a un proxecto colectivo de país que é capaz de seducir aos de fóra" e o feito de ser muller, algo que "non é unha cuestión menor".
Con motivo do Día dás Letras Galegas, o próximo 17 de maio, a RAG levará o seu plenario ao Teatro Principal de Pontevedra, onde intervirán Xesús Alonso Montero e Fina Casalderrey, dous académicos moi próximos á autora homenaxeada; e Marilar Aleixandre, unha muller vinculada coa literatura infantil e xuvenil.
Un día antes, o 16 de maio, o auditorio de Afundación de Pontevedra será o escenario do tradicional "Concerto das Letras", organizado polo Consello da Cultura Galega, e no que, entre outras pezas, interpretarase un tema composto por Miguel Matamoro a partir dun texto da propia María Victoria Moreno.
Pontevedra inaugurará o venres a avenida María Victoria Moreno, substituíndo a Fernández Ladreda no rueiro
Ademais, a sede da RAG na Coruña acollerá o simposio María Victoria Moreno e o Portal das Palabras, que ofrece material pedagóxico destinado ao ámbito educativo, centrará os seus contidos na escritora.
Esta programación sumarase aos actos organizados polo propio Concello de Pontevedra e que, entre outros, inclúe a inauguración o vindeiro venres da rúa que levará o nome de María Victoria Moreno e que substituirá no rueiro da cidade ao ministro franquista José María Fernández Ladreda.
A presentación dun documental e un libro sobre a traxectoria de María Victoria Moreno ou a instalación dunha placa no edificio da Avenida de Vigo no que residiu durante os anos vividos en Pontevedra forman parte tamén da programación municipal que se desenvolverá con motivo do Día das Letras Galegas.
Pontevedra, ao longo do mes de maio, tamén ofrecerá unha nova edición do certame Ben Veñas Maio (día 12), acollerá o tradicional Correlingua (día 8), inaugurará a exposición Os Bolechas e as variedades dialectais (día 18) e proxectará as películas A palabra xusta (día 15) e Contrafaces (día 23), en colaboración co Cineclub.