Pontevedra estará presente no Festival de Cinema de San Sebastián. Farao acompañada dos Premios Feroz, que se celebrarán na cidade durante os anos 2025 e 2026.
Unha delegación municipal, encabezada polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, acudirá á cidade vasca para participar na rolda de prensa na que a organización dos Feroz 2025 anunciará o nome da persoa que presentará a gala.
Ademais, no transcurso deste acto, conducido por María Guerra, presidenta da Asociación de Informadores Cinematográficos, entregarase o Premio Feroz Zinemaldia, que se concede á mellor película en competición dentro da sección oficial do festival.
"É uns dos eventos máis importantes da cinematografía mundial. Estaremos rodeados de centos de xornalistas", sinalou Fernández Lores, que desvelou que esa comparecencia producirase este sábado 28 de setembro, ás 13:00 horas.
O alcalde considera que "temos que estar orgullosos e contentos" da presenza de Pontevedra neste festival, no que sostén que "debemos sacar peito da nosa cidade" porque esta cita é un "escaparate único" que servirá como a "mellor campaña promocional" para a Boa Vila.
Lores reiterou que "somos unha cidade atractiva, unha cidade que paga a pena coñecer e así o deixaremos claro en San Sebastián", en pleno epicentro da cultura cinematográfica.