Pontevedra desordéase en defensa da cultura no novo videoclip de Jade4

Pontevedra
16 de marzo 2025
Actualizado: 12:26

O grupo emerxente lucense comezará a rodaxe do videoclip de "Réquiem" o 21 de marzo, unha crítica punk cara todo o que atenta contra a cultura

Jade4
Jade4 / Ximena Torrón

O grupo de rock pop alternativo Jade4 comeza a rodaxe do videoclip de "Réquiem" o 21 de marzo.

Pontevedra e os seus arredores converteranse no escenario desta produción, coa colaboración da Facultade de Comunicación Audiovisual e localizacións emblemáticas como o Café Moderno e o Pazo de Lourizán.

O proxecto conta cun equipo técnico formado por estudantes do campus pontevedrés, entre os que se atopa a propia guitarrista e cantante do grupo e directora do videoclip, Nuria Gómez.

A artista destacou a importancia deste tipo de colaboracións coa Universidade de Vigo: "A facultade sempre apoiou moito os proxectos dos seus alumnos, e Pontevedra ofrece espazos moi guays que dan o toque perfecto ao videoclip, tanto narrativa como visualmente".

A canción "Réquiem" pretende ser unha crítica satírica cara "todo o que atenta contra a cultura", desde o snobismo dos nostálxicos do branco e negro ata a proliferación do consumo de contidos sen alma, como o telelixo. "Non debería haber normas sobre o que é válido e o que non. Todo depende de quen xulga", afirman os integrantes do grupo.

Este tema forma parte do primeiro EP de Jade4, titulado "Necesito 4 minutos", que verá a luz a principios de abril.

Como adianto, xa está dispoñible en plataformas como Spotify e Apple Music o sinxelo "Dificultades técnicas",  unha balada sobre a autosabotaxe e o loito temperán. O segundo adianto é "Réquiem", que se lanzará o 14 de marzo e "tende máis cara ao punki e o vándalo, sen perder a nosa esencia", e xera un bo contraste con "Dificultades técnicas" que "ten un son un pouco máis pop rock, melancólico e suave".

O proceso de gravación do EP, segundo conta a guitarrista, foi "medianamente caótico pero moi divertido" debido á dificultade de conxugar os seus estudos e sesións intensivas de gravación. "O máis guapo de todo era ver como esas letras e melodías que meses atrás puxeramos nun papel no noso cuarto empezaban a cobrar vida, con ese son tan limpo e ordenado que nos conseguiu dar o produtor".

Entre as anécdotas, Nuria destaca un cambio de última hora en "Réquiem" o día antes de gravar as voces. "Lucía (baixista e cantante do grupo) e eu quedamos no meu cuarto para botarlle unha ollada e a ponte empezounos dar un 'lache terrible', así que o cambiamos a contrarreloxo. Agora mesmo nos flipa incriblemente, só citamos unha xoia de frase que nos soltaron nun sitio de música por dicir que tiñamos un grupo sendo chicas".

O grupo, formado por tres estudantes lucenses, define a súa música como "caos, sentimento, contracturas e pastillas Strepsils". As súas influencias abarcan desde As Petunias ata Arctic Monkeys e Viva Belgrado, navegando entre o rock alternativo, o pop e mesmo o punk segundo o estado de ánimo do momento.

Sobre a experiencia de ser unha banda emerxente en Galicia, Nuria destaca a riqueza da escena local: "É moi motivador e divertido. En Galicia hai unha escena chulísima e súper ampla, rodeada de músicos e xente incrible, ademais de iniciativas culturais locais súper guays".

Con esta mestura de inconformismo e emotividade, Jade4 segue consolidándose dentro da escena musical galega, apostando por unha identidade propia e unha proposta que, nas súas palabras, convida tanto a "abrazar o corazón como a berrar a gusto".