Pontevedra demostrará que #HayMujeresColumnistas

Pontevedra
15 de febreiro 2018

Oito de cada dez firmas nas páxinas dos xornais, os faladoiros de radio e televisión ou as columnas de opinión dos novos medios dixitais son masculinas. Pero hai mulleres columnistas que, desde hai anos, pelexan por atopar o seu espazo. Todas elas terán en Pontevedra un espazo no que reivindicar a súa valía profesional

Rosa Montero, Celia Blanco e Ana Pardo de Vera
Rosa Montero, Celia Blanco e Ana Pardo de Vera

Oito de cada dez firmas nas páxinas dos xornais, os faladoiros de radio e televisión ou as columnas de opinión dos novos medios dixitais son masculinas. Pero hai mulleres columnistas que, desde hai anos, pelexan por atopar o seu espazo. Todas elas terán en Pontevedra un espazo no que reivindicar a súa valía profesional.

O Teatro Principal acollerá os próximos días 2 e 3 de marzo un encontro que reunirá a trece xornalistas, fieis exemplos de que hai mulleres columnistas que escriben, que opinan, que abren blogs para falar sobre a actualidade, que dirixen medios e que introducen na axenda mediática temas e voces silenciadas durante anos.

O foro, impulsado polas xornalistas Susana Pedreira e Diana López Varela, conta co apoio do Concello de Pontevedra e da Deputación de Pontevedra.

Nel participarán mulleres de diferentes xeracións e perfís, todas elas profesionais do xornalismo e a escritura que, a través de relatorios individuais, entrevistas cruzadas e coloquios, reflexionarán sobre a realidade do xornalismo de opinión en España.

Esta iniciativa, que se presentará a próxima semana, contará entre outras coa xornalista e escritora Rosa Montero, a directora do xornal Público, Ana Pardo de Vera; ou con Celia Blanco, directora do programa Contigo dentro da Cadena SER.

Ademais, as profesionais da prensa local tamén terán o seu espazo coa participación de María Varela, redactora xefa de Diario de Pontevedra; Fernanda Tabarés, directora de Voz Audiovisual ou a xornalista e guionista Diana López Varela.

A entrada será libre ata completar o aforo do Teatro Principal.

A idea deste foro, segundo explican as súas organizadoras, parte do malestar xerado a través das redes sociais por un congreso de columnistas, celebrado o pasado mes de outubro en León, que se presentaba como o maior evento do xornalismo de opinión en España e que, no seu primeiro cartel, non figuraba nin unha soa muller invitada.

Miles de mulleres e homes impulsaron a través de Twitter o hashtag #HayMujeresColumnistas, que inundou esta rede social con artigos escritos por mulleres da talla de Leila Guerriero, Elvida Lindo, Rosa Montero, Anita Botwin, Cristina Fallarás, Ana Pardo de Vera e un longo etcétera, acompañados de frases como "as súas voces xamais serán silenciadas".

Ese foi o xerme dun encontro que, co lema #MulleresQueOpinan, pretende demostrar que hai mulleres columnistas que "non necesitamos que nos dean voz porque xa a temos " e que esixen espazos nos medios "para que se nos escoite"