A concelleira de Festas do Concello de Pontevedra, Carme Da Silva presentou este martes as actividades previstas para o Día Internacional dá Narración Oral, este domingo 20 de marzo, que se levarán a cabo en Santa Clara e no Salón do Libro.
Trátase dunha cita cultural xa consolidada na Boa Vila cada primavera co nome de "Festival dos Sete falares", segundo indicou Da Silva, nun Día que "desde 1991 homenaxea ás persoas que nos contaban historias" levando aquela tradición ao escenario.
O Concello de Pontevedra, en colaboración co dúo de contacontos Pavís Pavós (Xacobe Rodríguez e Tareixa Alonso), elixiu este ano o Convento de Santa Clara como novo espazo para "contar historias" ao entender que este é "o escenario ideal" xa que neste cenobio recuperado para a cidadanía "ao longo dos seus 750 anos pasaron moitas historias por el".
O programa está dividido en dous partes, unha polas mañás dirixido a un público familiar en colaboración co Salón do Libro e outra pola tarde no convento.
As sesións matinais correrán a cargo de Raquel Queizás, Pavís Pavós, Polo Correo do Vento e Bea Campos. As vespertinas serán a partir das 19.30 horas con Cándido Pazó e Quico Cadaval.
No caso de Santa Clara existe unha limitación de aforo para 150 persoas polo que é necesaria a inscrición previa a través da webapuntate.pontevedra.gal. A entrada é gratuíta. O prazo para anotarse empeza este mércores 16 de marzo ás 15.00 horas.
Xacobe Rodríguez apuntou que este ano o escritor e divulgador da tradición oral galega, Antonio Reigosa redactou o manifesto que se lerá en todas as sesións de contos que se farán en máis de 30 lugares de toda Galicia de maneira simultánea grazas á colaboración dos Festivais Sete Falares de Pontevedra, Falando a Boca Chea da Coruña e os integrantes do colectivo NOGA (Narración Oral Galega).
Entre os artistas participantes neste día de festa e tamén de reivindicación por toda Galicia figuran Vero Rilo e Penadique, José Luis Gutierrez ‘Guti’, Erica González, Raquel Queizás, Dani Blanco, Cristina Collazo, Charo Pita, Pablo Díaz, Atenea García, Celso Fernández Sanmartín, Anxo Moure, Servando Barreiro, Ramiro Neira, Larraitz Urruzola, Mirari Urruzola, Cris de Caldas, Iseo a Moura, Candido Pazó, Quico Cadaval, Sole Felloza, Paula Carballeira, Tarabelos, Pavís Pavós, Baobab, Migallas e Polo Correo do Vento.
No seu manifesto, Antonio Reigosa, lembra nestes tempos tan especiais a importancia e a necesidade das historias a viva voz, o encontro cos outros para celebrar a memoria, a identidade e a lingua. Reivindicando a narración oral como unha arte escénica de pequeno formato para que estea presente en todas as programacións de maneira diaria en Galicia.