Como calquera festival que se prece, as Festas de Verán de Pontevedra terán a súa propia pulseira. Pretende ser un símbolo do espírito baixo o que a cidade busca ser un "fervedoiro" de actividades durante os meses de xullo e agosto.
Serán 58 días de festas con 356 actividades nas que participarán uns 285 grupos e artistas de todos os estilos. "É un programa completísimo do que estamos moi satisfeitos", sinalou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, na súa presentación.
Fernández Lores, que estivo acompañado do novo edil de Festas, Demetrio Gómez, destacou que ao longo destes dous meses haberá actividades no centro da cidade, pero tamén en barrios como Monte Porreiro, San Roque, O Burgo ou A Parda.
Os "verdadeiros protagonistas" de toda esta programación "é a xente de Pontevedra e os que nos visitan cada verán", segundo explicou o alcalde, que asegurou estar "moi ilusionado" con esta oferta lúdica e festiva "que vai a supoñer un revulsivo para a economía da cidade".
"Buscamos chegar a todos os públicos. Hai actividades para os pequenos, a xente moza e os maiores. Esa é a principal característica destas festas", subliñou Lores, que revelou que o orzamento que se destina este ano para as Festas de Verán supera o millón de euros.
As Festas da Peregrina, pola súa importancia e singularidade, terán un protagonismo especial dentro das Festas de Verán de Pontevedra, que tras o aperitivo que supuxo o festival Surfing the Lérez, terás 23 programas diferentes distribuídos en 42 escenarios distintos.
O punto de partida deste 'Pontevedra Verán Fest' será a Festa dos Libros, que se celebrará entre os días 7 e 9 de xullo, na Praza da Ferrería.
Coincidirá co Senda Fest (7 e 8 de xullo), o festival de música electrónica, que estrea nova localización, o parque de Tafisa, con John Talabot, Oma Totem, Nico Guillermo Lucena, Spacer, Mena G, Systema, Arque, Camilo Miranda, Christian Lem, La_ind0 e Certain People.
O 11 de xullo será a romaría popular de San Bieito. A vertente relixiosa celebrarase nos arredores do mosteiro de Lérez e a lúdica nos Salóns do Lérez coa tradicional mexilloada e a música de Gaiteiros das Rías Baixas, Os Alegres, Pousos de Area e Pola Vila. Haberá ademais verbena no atrio do mosteiro coa orquestra Triunfo.
O ciclo Música de Bandas incluirá cinco citas. Os concertos da Banda de Música Xuvenil de Salcedo e a Banda de Música Xuvenil da Unión de Gulán (8 de xullo) e da Coral de Poio, a Coral Polifónica de Barro e a Coral Polifónica de Salcedo (9 de xullo) serán os primeiros.
A eles seguiranlles as actuacións da Banda de Música "Belas Artes" e a Banda de Música de Salcedo (15 de xullo), da Banda de Música de Pontevedra (4 de agosto) e da Banda de Música de Salcedo (23 de agosto). Todo iso en diferentes escenarios da cidade.
Cinco serán as películas que se proxectarán na Praza da Pedreira dentro do ciclo Cinema e Estrelas, entre os días 11 e 15 de xullo. Serán Todo á vez en todas partes -gañadora do premio Óscar-, Alcarràs, Decision To Leave, Triángulo de tristeza e Johnny Guitar.
Regresará tamén o Memorial Ricardo Portela que, no seu XXIV edición, homenaxeará a Concepción Rodríguez Álvarez,"Concha de Luneda". Será do 14 ao 16 de xullo e, ademais da mostra de instrumentos tradicionais, actuarán Lagharteiras, Xistra de Coruxo e Os Folieiros.
Unha das novidades será Titirivedra, un ciclo infantil de monicreques na Alameda que, entre os días 17 e 23 de xullo, traerá a Pontevedra a Rui Sousa, Títeres Crebanoces, Larraitz Urruzola, Títures Cachirulo, Os Monicreques de Kukas, Marionetas Trécola e Títeres Alakrán.
O campo de Vilar de Fragoso, en Santo André de Xeve, volverá acoller unha nova edición do Festixeve, do 20 ao 23 de xullo, amenizada por Banda Xangay e Quinkillada e con numerosas actividades, entre elas orientación nocturna, unha romaría ou xogos populares.
Outra das citas importantes serán as Festas do Santiaguiño do Burgo, do 22 ao 26 de xullo, que contarán cos tradicionais actos relixiosos, pasacalles e atraccións no Recinto Feiral ou verbenas coas orquestras Venezia, América, Sinfonía e Magos.
Itineranta, do 26 ao 28 de xullo, encherá de animación as rúas e prazas do centro histórico cos espectáculos das compañías Todo Zancos, CIA Cirteani, Latexo Percusión, Pablo Méndez Performances, Actúa Produccións, Fadunito, Yera Teatro, Pia e Deabru Beltzak.
E a música con selo pontevedrés poñerá o broche de ouro ao mes de xullo con Local Pop Rock. Os días 29 e 30 de xullo, ademais dunha nova edición do Black Hole, actuarán Rusty James & Fringe, Odiosos 5, Saracas e Anita, Cora Velasco, Freshkiños e Los Tonikahs.
O FESTIVAL DE JAZZ, EN AGOSTO
O Animatrón, con actividades infantís no parque das Palmeiras, e as Xornadas Musicais en San Roque, coas actuacións de Os Firrás, Vento Mareiro, A Maquía, Pontus Véteris, e a Banda de Música de Pontevedra abrirán o mes de agosto, ata o día 4.
Ambos coincidirán, en parte, cunha nova edición do ciclo Con Voz de Muller, que ofrecerá entre o 3 e o 6 de agosto, os concertos de Fillas de Cassandra, A Banda da Loba, Leilía e Ses.
Seguiralles unha nova edición, a número 29, do Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra, que cambia de datas e desenvolverase na Ferrería do 7 ao 11 de agosto. Actuarán nel Carolyn Wonderland, Acantha Lang, Vanessa Collier, Pablo Patiño e Mr. River "Night Court".
O miradoiro de Monte Porreiro, pola súa banda, será escenario de novo do ciclo Urbana Monte Porreiro, os días 8 e 9 de agosto, cos catro concertos que ofrecerán Bejo, Rebeliom do Inframundo, Lamatumbá e Dakidarría.
O venres 11 de agosto, a véspera do inicio das Festas da Peregrina, coincidirán unha nova edición de Aquí Cántase, nas prazas de Curros Enríquez, Teucro, Teatro Principal e Santa María; e a tradicional reunión de Amigos de Pontevedra, que será na Finca Batacos.
Tras as festas patronais aínda quedarán actividades como a Festa do Demo (23 de agosto) ou A Meleira, a coñecida festa do mel, (16 ao 19 de agosto). A feira de artesanía Chalana, pola súa banda, estará no Paseo Antonio Odriozola do 19 de xullo ao 6 de agosto.
A Feira Franca, que este ano chegará á súa edición número 22, poñerá o broche de ouro ás Festas de Verán, como é habitual a primeira fin de semana de setembro, os días 1 e 2.