Pontevedra alístase á Guerrilla cultural para remover conciencias

Pontevedra
28 de setembro 2021

Leo Bassi, The Last International e Marwán actuarán os días 7, 8 e 9 de outubro, respectivamente, no Teatro Principal

Nacho Fungueiriño e Carmen Fouces presentan Guerrilla
Nacho Fungueiriño e Carmen Fouces presentan Guerrilla / Concello de Pontevedra

Guerrilla é un programa cultural que se desenvolverá en Pontevedra os días 7, 8 e 9 de outubro e que traerá á cidade do Lérez os mellores espectáculos musicais e teatrais de tipo reivindicativo. "Vainos remexer por dentro, ninguén vai quedar indiferente", declarou a concelleira de Cultura, Carmen Fouces, este martes na presentación dun evento que contará tamén con faladoiros sobre a resistencia galega na Segunda Guerra Mundial, a memoria histórica, o franquismo, o fascismo ou o conflito entre Palestina e Israel.

A primeira xornada do festival contará coa actuación de Vero Rilo, que presentará no Teatro Principal un espectáculo de narración sobre "Historias de amor, vida, guerra e case morte". Ese mesmo día, ás 21 horas, está prevista a actuación do cómico italiano Leo Bassi, que presentará o seu espectáculo "Yo, Mussolini".

No escenario do Principal actuará tamén a banda neoiorquina The Last International, o día 8; e o cantautor Marwán, o día 9. As entradas para estes espectáculos están xa á venda en Ataquilla. 

“Guerrilla nace para perseguir a utopía a través da cultura. Unha cultura comprometida, alternativa, revolucionaria, de resistencia e accesible a todo o mundo", afirma Nacho Fungueiriño, coordinador desta iniciativa que impulsa Culturactiva en colaboración co Concello de Pontevedra.

Doutra banda, os coloquios contarán coa participación de Marwán, Iván Prado, Manuel Gago, Eva Mejuto, Montse Fajardo e María Xesús Escudeiro. Para asistir como público é preciso inscribirse de forma previa a través do Concello de Pontevedra.