As Ruínas de San Domingos foron o escenario no que na tarde deste venres seis poetas de diferentes procedencias recitaron a súa obra para dar a benvida á novena edición do Festival Internacional de Poesía PontePoética.
Como é habitual neste evento, a construción encheuse de cadeiras ocupadas por amantes da literatura, nun encontro que recolle o formato poético en seis idiomas: catalán, alemán, portugués, castelán, eúscaro e galego.
A actividade comezou ás 17:00 horas coa lectura dun poema que describía o transcorrer da vida da cidade, o sentimento poético que abrangue ás persoas nas rúas.
A continuación recitaron, despois dunha breve presentación, tres dos grandes poetas que recolle a programación desta edición.
Abriu o recital a autora mallorquina Antònia Vicens coa lectura dun poema do seu poemario "Tots els cavalls", gañador do Premio Nacional de Poesía de 2018, así como dos premios literarios "Llegir en cas d'incendi" e Cavall Verd da Crítica.
A continuación seguiulle o coruñés Ismael Ramos, filólogo, editor e poeta cuxos escritos foron publicados tanto nacional como internacionalmente. Para pechar a primeira parte do recital, o poeta e ensaísta alemán Jan Wagner, cuxa obra foi traducida a máis de trinta linguas, leu varios dos seus poemas, característicos pola interese do autor por aquelo que acontece máis alá do ser humano: o cotián, os animais e as plantas.
Tras un descanso de media hora, o evento retomouse ás 19:00 horas para acoller a segunda metade do recital de inauguración do festival.
En primeiro lugar recitou en eúscaro a poeta navarra Castillo Súarez, autora do blog de literatura Iparraldeko neska(A moza do país do Norte), seguida do prolífico autor celanovés Baldo Ramos, que conta ás súas costas con quince libros de poesía. Para rematar a inauguración, Manuel Vilas, un dos poetas en castelán máis destacables da súa xeración, interpretou varios poemas da súa obra.
Para facilitar o entendemento entre linguas, á esquerda do escenario colocouse unha pantalla coas traducións das obras pola directora do festival, Yolanda Castaño.
A novena edición alongarase ata o domingo con actividades no Teatro Principal, a Casa das Campás, a Casa da Luz e o pub El Pequeño.