O programa +Música regresa cunha nova edición este 2025, reforzando o seu compromiso coa dinamización cultural e o apoio aos artistas galegos.
A presentación tivo lugar esta mañá do mércores 26 de febreiro no Pazo Provincial da Deputación. O acto contou coa presenza do presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López Diéguez; a alcaldesa de Salvaterra de Miño, Marta Valcárcel; a presidenta da Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), Patricia Hermida; e o deputado de Cultura, Jorge Cubela López.
A iniciativa, impulsada pola Deputación de Pontevedra, permitirá a 59 concellos da provincia organizar un total de 78 concertos ao longo de oito meses, dende maio ata decembro.
A proposta inclúe un catálogo con 224 grupos galegos que abarcan unha ampla diversidade de estilos musicais. Desde música tradicional e folk ata rock, pop, fusión, clásica, contemporánea e electrónica, garantindo opcións para públicos diversos e promovendo repertorios en lingua galega.
A Deputación asumirá os cachés dos artistas, mentres os concellos xestionarán a produción técnica dos eventos. A confirmación dos concellos participantes realizarase a próxima semana, permitindo axilizar a organización das actuacións.
A edición deste 2025 introduce novidades. O orzamento aumenta en 100.000 euros respecto ao ano anterior, acadando os 700.000 euros, o que permitirá unha maior expansión do programa.
Ademais, por primeira vez, cada concello participante poderá contratar ata dúas actuacións, dependendo do caché dos artistas.
Con esta iniciativa, segundo o goberno provincial, a cultura descentralízase, levando a música en directo tamén aos municipios con menos habitantes, garantindo que os concertos non queden limitados ás grandes cidades. O obxectivo é facilitar o acceso a espectáculos de calidade en toda a provincia, independentemente do tamaño do municipio.
O programa reforza a identidade musical galega e mantén o posicionamento de Pontevedra como destino cultural de referencia, segundo Luis López.
A presentación incluíu unha actuación de Antonio Barros e iAlma, que puxeron a banda sonora ao evento.
