Ponte Poética prepara a sexta edición do "festival de poesía máis importante de Galicia"

Pontevedra
07 de abril 2016

O evento celebrarase os días 15, 16 e 17 de abril en varias localizacións, sendo a central o Teatro Principal. "Trae propostas interesantes para os amantes da poesía e para o público en xeral", explicou na súa presentación a concelleira de Cultura, Anxos Riveiro

Anxos Riveiro e Antón Sobral presentan Ponte Poética
Anxos Riveiro e Antón Sobral presentan Ponte Poética / PontevedraViva

A sexta edición do festival poético Ponte Poética traerá á cidade "propostas interesantes para os amantes da poesía e o público en xeral".

Así o explicou na presentación do evento a concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, asegurando que o festival supón "un paso máis nun mes de abril cargado de literatura na cidade".

Ponte Poética celebrarase os días 15, 16 e 17 de abril en varias localizacións, sendo a central o Teatro Principal de Pontevedra.

Na cidade de Lérez reuniranse algunhas das figuras galegas, nacionais e tamén internacionais da poesía actual, que converten ao festival en "o máis importante de Galicia", segundo defendeu na presentación Antón Sobral, representante do Ateneo de Pontevedra

Dirixido por Yolanda Castaño, Ponte Poética contará, entre outros, coa presenza do galego Gonzalo Hermo, Premio Nacional de Poesía Joven Miguel Hernández, o vasco Juan Ramón Mandariaga, a irlandesa Lorna Shaughnessy ou o portugués Renato Filipe Cardoso.

Consulta aquí o programa completo de Ponte Poética 2016.