Escenas públicas e privadas de personaxes como Valle-Inclán, Manuel Murguía, Eduardo Pondal, Curros Enríquez, Menéndez Pelayo, Benito Pérez Galdós, Azorín, Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán ou Machado. É o que reúne a exposición O rostro das letras, que se poderá visitar ata o 27 de novembro no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra.
Organizada pola Comunidad de Madrid, Acción Cultural Española (AC/E), a Real Academia Española (RAE) e a Deputación de Pontevedra, ofrece a posibilidade de poñerlle rostro e achegarse á persoa oculta detrás de importantes escritores e escritoras desde o Romanticismo ata a Xeración de 1914.
Na presentación, o deputado Xosé Leal puxo o acento nos referentes galegos, nomeadamente no protagonismo das dúas mulleres escritoras que se inclúen na mostra: Rosalía de Castro e Emilia Pardo Bazán. Mencionou ademais a importancia de que "non só se pode ver fotografía, senón que a mostra está complementada con texto e materiais impresos para que o público poida coñecer parte das obra dos autores e autoras".
Pola súa banda, o comisario da mostra, Publio López, mencionou o percorrido que abrangue a proposta expositiva na propia evolución das técnicas fotográficas. Sinalou, ademais, que "ao conxugar fotografía e literatura, estamos aunando dúas linguaxes cunha gran capacidade narrativa".
A mostra, coa que se conmemora desde o Museo de Pontevedra o 150 aniversario do nacemento de Valle-Inclán, reúne dous centenares de pezas, entre retratos, libros e documentos, nas que se reflicte a evolución do retrato fotográfico ao longo dun século: desde os días do daguerrotipo e o calotipo ata o desenvolvemento da prensa ilustrada e o mundo dos reporteiros gráficos, en pleno século XX.
Ademais, tamén quere ser unha homenaxe a grandes fotógrafos dos séculos XIX e XX que foron testemuñas dunha época gloriosa da literatura española e galega, como Alfonso, Compañy, Franzen, Juliá, Kaulak, Nicolás Muller, Santos Yubero, Catalá-Roca e Ramón Masats, entre outros.
Completando o conxunto expositivo, elaborouse un audiovisual que amosa os retratos dos máis importantes literatos deste período da literatura española, así como unha selección de rexistros sonoros e numerosas filmacións cinematográficas da época.