O Consello Municipal de Cultura reuniuse este pasado mércores para abordar, entre outras cuestións, a programación do Día das Letras Galegas, que este ano estará adicado á escritora lucense Xela Arias.
A concelleira responsable deste departamento, Raquel Rodríguez, lembra que "o ano pasado non puidemos celebrar esta data tan importante para o noso país como merece, debido á incidencia da covid-19", polo que agora o Concello xa está a traballar nunha serie de iniciativas, "que servirán para recuperar os actos máis emblemáticos e introducir algunhas novidades, respectando en todo momento as pertinentes medidas sanitarias".
Entre os actos suspendidos o pasado ano estaban a entrega de premios do Certame Cultural Xaime Illa, sesións de contacontos para as crianzas e un faladoiro protagonizado pola periodista Susana Pedreira e a escritora de Combarro Tamara Andrés.
Ademais, o Consello Municipal de Cultura tamén concretou as bases do Concurso Literario Xaime Illa Couto, que este ano vivirá a súa vixésima novena edición. Este documento será aprobado proximamente pola Xunta de Goberno Local.
Trátase dun certame no que cada ano toman parte un gran número de persoas de diferentes idades, e que está "plenamente consolidado", sinala Raquel Rodríguez, que aproveitou a ocasión para incidir na importancia de que "as novas xeracións e a mocidade coñeza o gran legado que nos deixou Xela Arias a través da súa obra".