O Ciclo de Teatro Poio Escena inaugura as súas xornadas teatrais deste ano este sábado, 27 de abril, na sede da Comunidade de Montes de Combarro.
A iniciativa, que naceu como un desexo de promover no Concello de Poio actividades relacionadas co teatro a fin de mellorar e ampliar a oferta cultural para os veciños, renóvase na edición do seu décimo aniversario para seguir "consolidando e aumentando o público interesado nas creacións artísticas, na cultura en xeral e nas artes escénicas en particular".
O proxecto incorporou este ano o sobrenome "Encontros de Teatro Afeccionado", co que pretende impulsar ás compañías amateur. Contará nesta edición con seis obras, reducindo a cantidade de representacións pero elevando o seu nivel de calidade, segundo a organización.
Os Encontros de Teatro Afeccionado inaugúranse este sábado, 27 de abril, ás 21.00 horas coa obra 'Get Back' do grupo Porta Aberta Teatro, a primeira das seis actuacións.
O eixo da obra: unha situación anecdótica pode ser o berce dunha nova vida. Baixo esta premisa, nun día azaroso atópanse cinco persoas completamente distintas cunha única cousa en común, un lugar de encontro. A peza teatral discorre no Londres do século XXI, onde unha parada temporal de metro se transforma nunha viaxe ao pasado dos personaxes na que mirarán cara os seus vellos erros con desexos de cambiar e rectificalos.
Os encontros restantes terán lugar ás 21.00 horas do último sábado ou domingo do mes dende abril ata setembro deste ano, combinando actuacións en exterior (Ruta dos Muíños en Samieira, Peirao en Raxó e Praza da Chousa en Combarro) e en interior (Centro Cultural Xaime Illa Couto, Comunidade de Montes "Regra dos Agros" de Combarro e Casa do Pobo "Río de Bois" en Samieira).
Outra das novidades que incorpora é que as entradas serán de balde e, para aqueles que asistan á totalidade de actuacións, sortearanse abonos para as Matinés do Principal e o Ciclo Voices da próxima tempada. Ademais, este ano farase entrega dun Premio do Público e outro Premio Xurado Profesional "Xerardo Moscoso" nunha gala que porá peche ao ciclo teatral e terá lugar en decembro.