Poio enxalza o legado da "escritora máis universal que temos", Rosalía de Castro

Poio
23 de febreiro 2024

O Casal de Ferreirós acolleu un acto no Día de Rosalía de Castro sumándose á proposta feita desde a súa fundación

Acto celebrado en Poio polo Día de Rosalía de Castro
Acto celebrado en Poio polo Día de Rosalía de Castro /

O Concello de Poio acolleu este venres un acto no Día de Rosalía de Castro sumándose á proposta feita desde a súa fundación para conmemorar a unha muller "galega, referente, pioneira e a escritora máis universal que temos", defendeu o alcalde, Ángel Moldes.

A xornada incluíu unha lectura colectiva do poema 'Miña casa, meu lar', a elaboración e degustación do Caldo da Gloria e unha alborada a Rosalía polas rúas da contorna.

O lugar escollido para a conmemoración foi o Casal de Ferreirós.

"É importante tela presente hoxe e sempre, enxalzar a súa figura e todo o seu legado", afirmou o alcalde defendendo que a celebración do Día de Rosalía de Castro "debe servir para facernos pensar e reflexionar sobre todas as causas que defendeu, como son a importancia da cultura e lingua galegas, a igualdade, o feminismo ou a xustiza".

Representantes das asociacións EnPoio, AVC Ronsel e do Ateneo Corredoira de Combarro, xunto aos edís Natalia Sabarís (PP), Iago Garrido (BNG) e Julio Casás (PSOE), foron os encargados da lectura programa do poema, mentres que o caldo foi elaborado pola cociñeira Cristina Rodríguez e a música final púxoa o gaiteiro Álvaro Pérez, da agrupación Vides Novas.