Poesía urbana, ilustracións e dous brevísimos relatos para o 'Antihéroe' do pontevedrés Víctor Efrén

Pontevedra
27 de xullo 2024

Víctor Efrén Castro Cereijo autoedita o seu quinto libro que leva por título 'Antihéroe'. Explora a poesía urbana, potencia as súas habilidades como ilustrador e engade dous brevísimos relatos para comezar e rematar o texto

Víctor Efrén Castro
Víctor Efrén Castro / Mónica Patxot

'Antihéroe' é o título do quinto libro que autoedita o pontevedrés Víctor Efrén Castro Cereijo. Unha opinión persoal, o primeiro na clasificación dos que leva publicados.

Neste último afonda nas súas habilidades en ilustración. Acompáñaas con medio centenar de poemas e dous breves, moi breves relatos para comezar e rematar o exemplar.

De lectura fácil para quen non estean habituados ao verso. Trátase do que agora se denomina poesía urbana. Estilo que fronte á poesía tradicional non se axusta a unha métrica nin rima establecida e tamén explora a liberdade temática, neste caso absolutamente emocional.

Extraemos un dos poemas para exemplificar esta explicación:

" - ¿Hiciste tú estos poemas?

Me dijo clavando su mirada

en mi pupila azul.

- No. Yo símplemente los escribí,

pero la poesía

la hiciste tú.

(Si Bécquer levantase la cabeza...)"

Na páxina par unha ilustración e na dereita o poema cuxos títulos ademais, sempre pos ao final.

Fíxeno xogando coa suxestión. Que o primeiro que suxira sexa a ilustración, logo engádese a suxestión do texto e para terminar a do título.

Atopo moitos cambios ante o anterior 'Iceberg' e este 'Antihéroe'.

O anterior foi reflexo dunha etapa máis complexa persoalmente. Chámolle 'Antihéroe' porque dalgunha maneira véxome así. É resultado de historias persoais e inventadas. Salvando as distancias e con todo o respecto, quixen facer algo así como en 'Rayuela' de Cortázar, pola liberdade de que se poida ler como apeteza. Tanto a orde dos poemas como os dous relatos, que tanto poden ser o do inicio ou o do final, independentemente estean ao principio ou ao final do libro.

E coas ilustracións esta vez hai diferentes estilos e tamén propós un xogo cos teus lectores.

Apetecíame probarme e ademais o libro resulta máis visual tendo en conta que a poesía non se le tanto como a narrativa. Levoume moito traballo tamén é certo. Todas as ilustracións son en branco e negro; hai uns dun estilo máis preciosista, outras máis lineais, unhas con acuarela, outras a tinta e tamén mesturadas. En canto ao xogo cos lectores, deixémolo que o descubran.

Mencionabas a Cortázar, e na contraportada do libro aparecen os nomes de Bukowski e de Benedetti que son dous autores completamente diferentes...

Como digo, entre a soidade do borracho e o romanticismo do poeta. Ambos me gustan bastante e aínda que son moi diferentes teñen certas similitudes porque son moi viscerais en canto o que escriben, son cousas curtas que van directamente aos dentes. 

Este mes de xullo participaches como autor na Festa dos Libros, como foi a experiencia?.

Como experiencia estivo moi ben. Son consciente de que é moi difícil vender e máis sen non vas co aval de editoriais. Téñolle que agradecer a Escolma que me deixase ese espazo porque me parece importante que os autores locais tamén teñamos un espazo para promocionarnos.

Víctor continuará escribindo, ten varias ideas para seguir dando forma aos seus poemas e exponse entrar na narrativa. Quedamos á espera.