PODCAST. Paloma Sánchez-Garnica e Beatriz Serrano fálannos das súas premiadas novelas no 'Cara a cara'

Pontevedra
28 de novembro 2024

‘Victoria’ e ‘Fuego en la garganta’ son os dous títulos recoñecidos como gañador e finalista da presente edición dos Premios Planeta

'Victoria' e 'Fuego en la garganta', gañadora e finalista dos Premios Planeta
'Victoria' e 'Fuego en la garganta', gañadora e finalista dos Premios Planeta / PontevedraViva

Sen ser unha novela negra 'Victoria' ten moitos crimes e afáns de xustiza. Non é unha novela histórica, pero reflicte dúas décadas do século pasado en Europa e Estados Unidos. Tampouco é unha historia romántica, pero os seus personaxes viven amores intensos.

É primeiro de todo un libro sobre o ser humano porque as súas virtudes e os seus defectos son o seu esqueleto. "É así, a materia literaria sobre a que me baseo para escribir son os sentimentos humanos que sempre son os mesmos pero cambian segundo as circunstancias que nos toca vivir. Iso é o que me encanta indagar cando escribo", di Paloma Sánchez-Garnica.

Victoria xunto á súa filla Hedy e a súa irmá Rebecca sobreviven en Berlín tras a II Guerra Mundial. Unha chantaxe rusa obrígaa a viaxar a Estados Unidos. Alí, tras un escaparate democrático, descobre o racismo do Ku Klux Klan ou a persecución do FBI e do senador McCarthy.

Unha historia que pon sobre o papel o poder da información, a ética xornalística, o imperio da verdade fronte á mentira e a manipulación. "Non son xornalista pero me fascina a profesión porque creo no poder do xornalismo, para ben e para mal", cóntanos a gañadora do Premio Planeta 2024.

Reivindica igualmente a xustiza e o seu exercicio: "hai momentos en que como aos protagonistas expónsenos a posibilidade de exercer a xustiza ou a vinganza e hai veces que temos que elixir entre unha e outra".

Hai un xogo que a autora se permitiu con toda premeditación. A filla da protagonista chámase Hedy Kiesler, nome da actriz de Hollywood Hedy Lamarr. Faio "en honra a tantas mulleres na historia que foron precursoras e das que logo se aproveitaron homes; como tamén lle pasa á súa nai, Victoria, a protagonista da novela".

A finalista do reputado galardón literario, Beatriz Serrano, publica unha historia que comeza cun abandono, a huída dunha nai. Ambientada a finais do noventa e comezos do presente século, os lectores acompañan a Blanca pola súa infancia e adolescencia mentres busca o seu lugar na vida.

Ese lume na gorxa é o fío condutor desta novela de aprendizaxe (tamén denominadas co anglicismo coming of age) e que resulta "unha forma de falar de emocións e que pasa cando as soterramos, tapamos o que sentimos", explica esta escritora e xornalista valenciana.

Introduce a saúde mental como unha puñada. Un tema que xa expuso no seu anterior libro, 'El descontento'. Tamén a ditadura das convencións sociais, que lastran aos personaxes femininos da novela. Ademais, como aceno de identidade de Serrano, desprega moita ironía como recoñecerán os seguidores do seu podcast 'Arsénico caviar'.