Pedro Falcón, Juan Carballo e Álvaro Cardalda teñen un nome común: Os Imperfectos. Un trío musical que xorde desde Vilagarcía, con bagaxe previa e que decidiron en 2021 iniciar un proxecto "con música propia e que nos identifique aos tres". No último ano dedicáronse a iso e foi "unha labor feita a man cento por cento".
Por que Os Imperfectos?, digamos que lles sobran os motivos: "a condición humana é así", "a poesía ou as cancións nunca están á perfección", "gústanos a imperfección" ou porque "Manolo Tarancón ten un álbum con este mesmo nome", van apuntando no podcast 'Cara a cara'.
Pecharon agosto coa presentación en plataformas do primeiro tema de 'Supernova', o seu primeiro álbum, e que titulan 'Hai algo máxico'.
Nunha esfera pop, con outras sonoridades máis, fusionan a voz que recita de Juan e a voz cantante de Álvaro. "Estes días a acollida está a ser buenísima. A mestura entre poesía, voz e música está a chegar e dinnos que está ben feita. Estamos a ter un feedback moi bonito". Tanto do propio tema como do videoclip para o que confiaron no traballo de Diego Falcón.
O elepé vén con oito cancións que irán presentando progresivamente ata comezos de 2025. Ten edición física e prevén a súa correspondente presentación e posteriores directos nos que xa adoptarán formato banda, como no disco, no que contaron con Rubén Iglesias ao baixo e Pepe Santamaría na batería. Gravado e masterizado en A Casiña, proxecto que leva Cardalda con Manolo Dopico.
Outro dos elementos que significan na súa presentación é o galego, "é un convencemento unísono. Juan é un poeta que escribe en galego. Pensamos e sentimos en galego e ademais é moi fermoso para cantar e recitar".
O podcast completo está dispoñible para descargar e escoitar desde a web de PontevedraViva Radio e pódese reproducir igualmente desde a ligazón adxunta.