O marinense David Gago Sampedro acaba de publicar a súa segunda obra, que non o seu segundo título, xa que en 2016 arrincou como autor co primeiro dos oito tomos de 'El diario de Ertélion'. Con 'RESET. Mejoramos seres humanos' continúa na ciencia ficción, pero con principio e final na mesma novela.
Está ambientada nun mundo postnuclear no que, tras sobrevivir por moi pouco á destrución da humanidade, unha empresa de enxeñería sensorial logra ser capaz de extirpar un sentimento ou unha sensación a cada individuo, eliminando así un defecto ou unha limitación. A trama comeza cando corenta anos máis tarde de empezar a aplicar esta tecnoloxía, unha onda de suicidios arrasa o mundo.
Preguntámoslle no podcast 'Cara a cara' pola súa dedicación a este xénero narrativo, "en ocasións tense unha idea equivocada da ciencia ficción. Non é escribir space opera, sobre naves espaciais, para entendernos. Foi sempre unha literatura que se anticipou, falar dun futuro probable", explica. Ademais "non me gusta falar de presente, porque este xa o vivo; o que si trato é de facer pensar aos lectores", engade.
Pensar por exemplo, nas guerras polos recursos naturais, ata onde poderían chegar as novas tecnoloxías, a configuración xeopolítica, ou como podería afectar a manipulación do ser humano.
Empeza a promocionar este libro e xa ten case acabada unha próxima novela que por primeira vez, entra noutro xénero. Polo momento, a presentación oficial de 'RESET. Mejoramos seres humanos' será este próximo sábado 14 no Museo Manuel Torres de Marín ás 12.00 horas contando con Miguel González Beltrán como condutor do acto. Posteriormente ten previstas máis presentacións en Pontevedra, Vigo e tentará ir a Murcia coa Asociación Galega de Escritores.
O podcast completo está dispoñible para escoita e descarga na web de PontevedraViva Radio e igualmente pódese reproducir desde a ligazón que se adxunta.