Pontevedra é a miña patria chica porque o meu pai naceu na Moureira, os meus avós eran da Moureira e a miña familia viviu neste barrio. De nena os veráns pasábaos aquí cos meus tíos e aínda que nacín e crecín en Madrid, onde pasei os mellores momentos da miña vida foi aquí e iso é algo que non se esquece. Así que son pontevedresa de adopción".
Desta forma explica María Antonia García Quesada os seus vínculos e afectos con esta cidade á que veu esta vez na súa faceta de escritora para presentar na Librería Metáfora a súa última novela, 'Tres citas en Davos'.
Antes de dedicarse á literatura foi xornalista. Especializada en información económica traballou para as principais cabeceiras da prensa salmón. Tamén, a comezos deste século, exerceu uns anos de directora de comunicación da Seguridade Social.
'Tres citas en Davos' é unha novela situada na crise de 2008 e quen a protagonizou. Unha ficción, si, "pero ten moitas historias reais e iso deumo a profesión xornalística”, especifica a súa autora.
Engade que aquel transo internacional "escandalizoume moito" e por iso "é a novela que máis me custou escribir, porque me arrastraba o que vivira".
Naquel turbulento escenario financeiro o protagonista atópase cunha muller que é a súa antítese e que marca a evolución e desenlace da historia. Mostra tamén os roles femininos neste mundo do poder.
Ademais de catro libros para público adulto, Quesada ten no mercado editorial outros tres de literatura infantil.
O máis recente 'O segredo de Caaveiro' escrito en galego, cunha trama ambientada en Galicia e publicado por unha editorial galega, Edicións Baía, que cedeu os dereitos para a súa publicación en castelán. Sairá o próximo ano coa editoria coa que habitualmente publica María Antonia, Olé Libros.
Xa está a traballar noutra novela da que avanza: "cada unha é un novo reto, un desafío e estou a entrar nun terreo descoñecido". Aí deixámolo. Iso será para un seguinte programa.